
Galicia Rompe, antes Rompetiño Jump, vai ser no mes de xullo a capital galega dos deportes urbanos. No seu programa inclúese a sétima edición do premio BMX Cup, o 6 de xullo. A competición, orientada ás categorías Sub14 e Open, inclúe catro premios en metálico cunha contía total de 650 euros: 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo, 100 para o terceiro e 50 para o cuarto. Para quen non o saiba, a disciplina BMX (ou Bicycle Motocross en inglés), é unha vertente ciclista que se practica con bicicletas cross de 20 polgadas, máis pequenas e lixeiramente diferentes que as que se usan noutras modalidades, como pode ser o MTB (Mountain Bike), ou o ciclismo de estrada.
A competición desenvolverase o 6 de xullo en horario de tarde: de 16.00 a 20.00 horas. Previamente realizaranse os adestramentos, en horario de mediodía: de 12.00 a 14.00 horas.
A nova edición de Galicia Rompe: vertente musical
Galicia Rompe (evento de cultura e deporte urbanos de Porto do Son anteriormente coñecido como Rompetiño Jump) será novamente un dos grandes acontecementos do panorama xuvenil de citas estivais. A edición 2024 celebrarase os días 5 e 6 de xullo. Segundo confirman dende Fogar dos Festivais, nesta edición pasarán polo escenario VibraMahou a trapeira franco-española La Zowi, o rapeiro madrileño Kaydy Cain, o rapeiro quinqui Jarfaiter ou tamén un dos grandes artistas emerxentes do panorama español: o murciano Kaze. Engádese á cabeza de cartel Al Safir (Diego Izquierdo), promesa rapeira da serra de Madrid e referente indiscutíbel do underground nacional.
Tamén actuarán Denom, Dirty Suc, Selecta, Samuel SlZR, Moa, West Dubai, El Bugg, Kabasaki, Grecas, AmyGoala, Kike Varela, C Mirazo, Hecky, Bon Calso e Rita Lig.
A maiores, no capítulo de sorpresas a organización anunciou un concerto gratuíto para o sábado 6 na fachada marítima a cargo da cantante galega Pili Pampín. A maiores da vertente musical, o evento contará cunha zona de exhibicións e unha zona deportiva.
Organiza Rompetiño coa colaboración da Xunta, Fest Galicia, Abanca, a Deputación da Coruña, Xacobeo e, por suposto, o Concello de Porto do Son, entre outras empresa e institucións.



