Un dos implicados tivo que ser trasladado ata o hospital de referencia. Faltaban escasos minutos para as 14:30 horas cando comezaron a chegar varias chamadas de particulares ao 112 Galicia alertando dun accidente na AC-550. Tal como indicaban, dous coches colidiran no quilómetro 7 da estrada, o que provocou que varias persoas resultasen feridas e que os vehículos quedasen atravesados na estrada.
Con esta información, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron unha ambulancia. Tamén se avisou aos Bombeiros de Ribeira, que, aínda que non había xente atrapada, desprazáronse ata o punto. O GAEM de Ribeira, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira tamén recibiron o aviso por parte do 112 Galicia.
Xa desde o lugar dos feitos, tanto os Bombeiros como o GAEM de Ribeira confirmaron que había persoas feridas en ambos vehículos implicados, un total de cinco, aínda que de carácter leve nun principio, segundo indicaron. Un deles tivo que ser finalmente trasladado en ambulancia ata o hospital.