Van aló máis de quince anos desque a Xunta, a través da consellería do Mar (antes, de Pesca) contempla o pasar do tempo mentras os mariscadores sachan, sementan e fan cálculos sobre as perdas económicas que supoñen os vertidos dos encoros e a carencia dunha política medioambiental que fala en silencio do desleixo dunha autoridade que exerce coma tal só á hora de sancionar.
Así quedou explicitado no mediodía deste luns na sede da delegación da Consellería en Ribeira onde, após catro meses sen novas ao respecto, os representantes dos mariscadores das rías de Arousa e Muros-Noia deixaron as súas queixas en escritos entregados ao responsable da devandita delegación para que os faga chegar ao conselleiro do Mar.
Protestan e demandan soluciòns para o saneamento das rías, ao tempo que anuncian a participación dos mariscadores na concentración de protesta contra a instalación da pasteira Altri que, ao tempo que consumirá inxentes cantidades de augas do Ulla e afluintes para producir celulosa, verterá lixo que, definitivamente, irá parar xusto ás rías nas que xa verten os encoros. Un panorama que fala claramente do abandono no que está sumido o sector marisqueiro e que tanta fame ten quitado grazas ao traballo de sementeira realizado polos propios mariscadores que, dende uns días antes do Nadal de 2023, non reciben nen un euro que lles permita falar de, polo menos, subsistencia.
Na ría de Noia, os mariscadores comparten medos e esperanzas cada vez que pensan nos bancos marisqueiros e a resposta que, aló polo mes de xuño, podan dar tanto o berberecho como a ameixa. Na súa mente unha soa cuestión: que non veña outro inverno duro como o foi o pasado.
Como complemento, que dunha vez por todas a consellería do Mar asuma a necesidade de afrontar un cambio definitivo na polìtica medioambiental. ´
E imprescindible. E na Xunta, sábeno. De por que non actúan os que deben facelo, ninguén dí nada.
Será que non importan?…
Nen sequera poden dicir que chova!….(Por se chovera de máis).



