Pontón: “Galiza ten que ter voz e voto en Europa para decidir nos asuntos que lle afectan directamente e a pesca é un deles”

24 Maio 2024

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu este venres 24 de maio “o dereito de Galiza a decidir en Europa con voz e voto sobre todos aqueles asuntos que lle afectan directamente, como é o caso da pesca”, que, segundo dixo, “exemplifica o moito que se xoga Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades de desenvolvemento económico do país”.

A líder nacionalista defendeu “a condición de Galiza como nación pesqueira” e sinalou que “queremos seguir sendo unha nación pesqueira porque a xente do mar non pide axudas nin subvencións para desguazar barcos, pide vivir do seu traballo como leva facendo xeración tras xeración”, proclamou nun mitin en Moaña xunto á candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda.

Pontón exemplificou no sector pesqueiro o moito que se xogan os galegos e as galegas nas eleccións do 9 de xuño porque, segundo explicou, “aínda que pareza que Bruxelas queda moi lonxe do Morrazo, a realidade é que alí, se toman cada día decisións que afecta directamente á súa cidadanía da comarca e do conxunto do País”.

Recordou que en Europa “decídese dende canto pode pescar a frota galega, ata o ancho e longo dos seus barcos, pasando por un reparto de cotas inxusto ou por tentar eliminar as redes do xeito sen saber que son precisamente as máis sostíbeis. E non o conseguiron porque alí estaba Ana Miranda defendendo a pesa galega, dándolle voz aos mariñeiros, ás redeiras e a todo o sector”. Recalcou a relevancia “de termos voz propia en Europa”, a do “escano galego da man do BNG” xa que é “o equipo da casa” e o único que vai dar a cara en Bruxelas como sempre fixo e como seguirá facendo aínda con máis forza a partir do 9 de xuño, logo de lembrar o papel nacionalista nas institucións europeas en cuestións tan relevantes como o Prestige ou as vítimas do Alvia.

Pontón tamén reivindicou o labor desenvolvido polo Bloque en defensa do sector do mar, na inclusión do porto de Vigo na primeira velocidade da Rede Europea de Transportes, “por certo, co voto en contra do PP e do PSOE”, recordou, ou no impulso da alta velocidade con Portugal, o Corredor Atlántico, a rexeneración das rías ou na defensa do territorio fronte a cobiza das multinacionais.

“En 2013 loitamos en Europa para frear a macromina de Corcoesto e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste País”, engadiu para recalcar que o escano do BNG “é o que marca a diferenza” na defensa de Galiza, pero tamén na defensa doutro modelo de Europa, unha Europa dos Pobos, social e pacifista”.

Na mesma liña se pronunciou Miranda, quen subliñou a necesidade de que Galiza teña “voz propia” na UE para seguir defendendo “o dereito a vivir da pesca”. “O BNG ten que seguir pelexando en Europa para remar na traíña da pesca”, asegurou, reivindicando o traballo feito en Bruxelas para exixir, entre outras cuestións, que a Política Pesqueira Común considere a singularidade da pesca artesanal e quede excluída dos TAC’s (totais admisíbeis de capturas) e das cotas.

Outros artigos

Un ferido leve nun choque no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque provincial de Ribeira acudiron ao aviso dun choque entre un vehículo e unha cabeza tractora. Unha das persoas implicadas resultou ferida leve e trasladada ao hospital. Completou o servizo a Policía Local. 

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

“Loitar polos dereitos” – José Manuel Pena

A cidadanía cada vez é máis consciente de que os dereitos pódense perder se non se loita por eles. Así o poñen de manifesto cada día, moitos veciños, con anterioridade xa o fixeron na parroquia de Corrubedo, logo na parroquia de Palmeira e agora nas parroquias veciñas...

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

“Hoy 13 febrero doble felicitación” – Manuel Domínguez

O autor do artigo (á dereita) e Xosé María Fernández Pazos Por qué se celebra el 13 de febrero La elección de esta fecha conmemora el aniversario de la creación de la Radio de las Naciones Unidas en 1946, una emisora diseñada para difundir información sobre paz,...