Na mañá deste martes 28 de maio o Consistorio de Porto do Son acolleu a recepción oficial do Concello e da Corporación a unha das máis indiscutíbeis novas promesas do deporte galego: a sonense Lúa Arufe. A Corporación, na compaña de familiares e amigos, recoñeceu a súa imparábel traxectoria e felicitouna polos seus logros deportivos recentes, tras arrasar no panorama futboleiro de España e de Europa. Na cita participaron, acompañando á moza deportista, o alcalde Luis Oujo e máis o edil de deportes, Carlos Lorenzo. Oujo e Lorenzo entregáronlle uns agasallos conmemorativos e déronlle os parabéns pola súa contribución ao deporte local.
Lúa Arufe é unha extremo esquerda de 15 anos que vén de proclamarse campioa de Europa coa selección española de fútbol sub-17. Lúa foi titular na final, na que España impúxose por 4-0 a Inglaterra. Previamente, nas seminais, a deportista tivo ocasión de endosarlle dous goles ao combinando francés.
A xeito de agradecemento, o Concello fixou unha nova categoría nas subvencións deportivas para poder recoñecer a deportistas individuais en deportes de equipo.
Por certo que todo apunta a que Lúa estará presente no Mundial que se celebrará ao remate do verán na República Dominicana.




