Instan ao ministro de Cultura a protexer o Patrimonio Mundial do Camiño francés fronte ao proxecto da macrocelulosa na Ulloa

09 Maio 2024
Área que a empresa pretende ocupar

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva, veñen de remitir unha carta ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que manifestan a súa “firme oposición ao proxecto Gama polos innumerábeis impactos negativos que suporía a macro fábrica de celulosa no patrimonio cultural e natural galego”. Inciden especialmente no  Camiño Francés e no Camiño Primitivo do Camiño de Santiago, declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, sendo competencia do Ministerio de Cultura a promoción, protección e difusión do patrimonio cultural español, que o proxecto Gama poría en serio perigo.

Como anteriormente realizaron co MITECO, MAPA e Ministerio de Industria, as asociacións asinantes da misiva elaboraron un  informe específico coas afectacións que poden ser de competencia do Ministerio de Cultura. No dito informe arguméntase “o irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente, co patrimonio cultural e cos sectores primarios galegos”.

Ademais, as organizacións tamén valoran como “indecente” que Altri, a través da empresa Greenfiber, “sen experiencia nin patrimonio algún e creada probablemente para ter máis facilidades á hora de recibir fondos públicos”, pretenda recibir “ata un cuarto do seu investimento inicial –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá– de fondos Next Generation a través do PERTE de descarbonización”.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva destacan que “o Camiño de Santiago e as actividades do sector primario son os maiores impulsores da economía nestas comarcas da Galicia interior, nas que unha economía sostíbel e respectuosa co medio, asociada á agricultura e á gandería, á produción ecolóxica, ás industrias agroalimentarias, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, e que fan delas o maior atractivo para quen peregrina por estes camiños”.

E engaden: “O impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinacións e un deterioro irreparable da economía local; a contaminación luminosa e sonora, o impacto na Rede Natura 2000 e a contaminación do aire, auga e terra serían constantes día e noite”. 

Para as entidades, “Galicia non pode soportar outro proxecto de industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio, xa que numerosos estudos científicos demostraron que a esaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático”.

Asemade, din que “o proxecto supón tamén unha afección aos recursos hídricos pola captación diaria que se pretende na cunca hidrográfica do río Ulla, e posterior vertido de augas tratadas quimicamente: mais tamén afectará culturalmente a ribeira do río Ulla, que está ligada ás tradicións, sendo todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico con numerosos elementos patrimoniais e antigas referencias no Códice Calixtino formando parte do Camino de Santiago“. 

Para rematar, as organizacións asinantes fan un chamamento a toda a cidadanía a acudir o día 26 de maio ás 12 da mañá a Palas de Rei, para participar masivamente na primeira manifestación contra este proxecto, que discorrerá baixo o lema Dende a Ulloa ata a Ría. Terra, auga e aire son vida.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

Una vía de alta prestación a 15 minutos”. José Castro López

Una vía de alta prestación a 15 minutos”. José Castro López

El Gobierno gallego cumplió con una de sus primeras obligaciones, la de presentar losPresupuestos con la previsión de ingresos y el desglose de gastos para el ejercicio 2027.Las cuentas anuales son como la hoja de ruta a la que ha de ajustarse el Ejecutivo en...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.