O Concello de Muros acolleu este mércores 29 de maio a presentación da VI edición do Triatlón Mar de Muros. Trofeo Iván Raña, que se celebrará este sábado 1 de xuño coa participación de 150 atletas, o número máximo permitido.
Participaron na presentación a alcaldesa de Muros, María Lago; a tenente de alcaldesa, Caridad González; o concelleiro de Deportes, Damián Torea; a concelleira de Seguridade Cidadán, Sandra Maneiro; a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez; Juan Carlos Ageitos Sampedro, delegado comarcal da Federación Galega de Triatlón, e Francisco Abelardo Lestón Lago, técnico de deportes do concello.
A proba comezará ás 17:00 horas na dársena diante do concello e será de 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5,5 quilómetros correndo.
“Trátase dun circuíto de calidade para o desfrute dos participantes nun entorno moi atractivo para a práctica deportiva”, asegurou o concelleiro de Deportes, Damián Torea.
A alcaldesa, María Lago, amosou a súa satisfacción “polo número de participantes inscritos no triatlón”, convidando á veciñanza “a animar aos atletas polas rúas de Muros”.




