O responsábel da Marea de Noia, Manolo Seijas, reclamou ao alcalde Santiago Freire que “emita unhas directrices sobre o consumo da auga para consumo”. Fíxoo logo de que o Concello emitise unha comunicación pedindo “cautela” á veciñanza sobre o uso e consumo da auga. Seijas apuntou que “semella incríbel que se pida cautela e que 15 horas despois non coñezamos se se pode consumir ou non”. Asemade, di ter recibido chamadas de centros comunitarios, hostalería, perruquerías e outros sectores implicados “que chamaron ao Concello de Noia” e que, segundo dixo, “non tiveron unha resposta sobre o uso e que mostran moita preocupación sobre esta situación”. A Marea recorda que no máis recente pleno da Corporación aprobouse unha proposta para mellorar o plan de autoprotección e a vixilancia dos ríos. O grupo sostén “que o Goberno local non convocou aínda unha xuntanza relativa a esta proposta”.




