
A Xunta publica este 24 de abril no Diario Oficial de Galicia as bases da súa convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas para este ano, achegadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) cunha dotación total de 280.000 euros, o que supón un incremento do 30,2% respecto de 2023.
O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 25 de abril, e ata o 24 de maio. Poden optar a estas axudas persoas profesionais autónomas e empresas organizadoras de festivais, entidades locais así como asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, e as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia. A contía máxima da subvención é de 60.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable, e mesmo o 85% no caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión.
A través desta convocatoria anual de axudas en réxime de concorrencia competitiva, o Goberno galego recoñécelles aos festivais o seu papel como dinamizadores culturais, ademais de como plataforma de exhibición da máis recente produción escénica de Galicia.
AGADIC lembra que a nosa terra conta actualmente cun consolidado circuíto de festivais de periodicidade anual e diferenciados en canto a temática, orientación, situación xeográfica ou temporal. De feito, o pasado ano recibiron axuda por medio desta convocatoria 10 eventos de teatro, monicreques, circo e monólogos: Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival Galicreques de Santiago de Compostela, Titiriberia de Rianxo, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Festaclown de Vilagarcía de Arousa, Porta Máxica de Ferrol, Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, Festival Internacional de Teatro de Ourense e festival Desfoga de Cambados.


