O alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz , premiado no certame Enreguéifate

03 Abril 2024

As gañadoras e gañadores do certame de contidos audiovisuais de improvisación galega Enreguéifate, alumnado de diversos centros escolares galegos, persoal técnico dos servizos de normalización e unha representación política dos cinco concellos impulsores do certame (Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra e Teo) participaron este mércores 3 de abril na gala final da nova edición do concurso, a sétima. Nela, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entregou un dos galardóns. A cita foi no Teatro Principal de Compostela. Entre os grupos premiados atopábase o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro) pola composición titulada O granulado non é pasado.

Máis de 300 persoas asistiron a esta gala conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Un acto, accesible en lingua de signos, no que non faltou a música da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

As gañadoras e gañadores foron os grandes protagonistas da mañá. Na categoría xeral, fixéronse co galardón á regueifa máis brava a Cumbia do choque, do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda foi para Vai de voda, a Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa Regueifa pola saúde mental; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa Sempre vida; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con Os deberes; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa Regueifa de coidar a terriña.

Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi Queremos moito as nosas profes do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo Regueifando apréndese mellor; a máis diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título O noso Entroido; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada O granulado non é pasado; a mellor cantada, para A nosa música na nosa voz, das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título Regueifa en Razo. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para Todo isto son mentiras, de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago).

Os galardóns desta sétima edición, que levaba por lema Temos madeira regueifeira!, tiñan selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madera).

No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa, entre os cales a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, o alcalde de Ames, Blas García; e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, quen tomaron parte tamén como entregadoras e entregadores de parte dos galardóns.

A entrega dos regueipremios puxo o broche final a esta sétima edición dun certame na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios), que se poden visualizar na Rede a través de enregueifate.gal. O xurado do certame estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; e os regueifeiros e docentes Manolo Maseda e Séchu Sende.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Plácido Vila”. Xulio Xiz

“Plácido Vila”. Xulio Xiz

Vivo na Milagrosa, onde hai tempo entrar no recinto murado era “ir a Lugo”, e agora – integrados mesmo nominalmente – o que antes parecía distante, a paso setentón faise en vinte minutos, e trinta se temos a ousadía de levar o coche. O centro de saúde da rúa...

“Ser joven en España”. José Castro López

“Ser joven en España”. José Castro López

La mayoría de las sentencias judiciales pasan desapercibidas. Otras, sin embargo, sonmuy llamativas porque el veredicto recae sobre aspectos muy sensibles de la vida socialo familiar. Como ha ocurrido en Italia.Hace unos meses un tribunal obligó a dos hombres de 40 y...