Un home de 80 anos morreu afogado na mañá deste venres na praia de Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota, á que acudira para darse un baño. O falecido é veciño de Caldebarcos.
O corpo da persoa falecida foi recuperado por un particular.
Foi o mesmo particular que rescatou o corpo o que contactou co 112 Galicia ás 12:25 horas do mediodía para informar do sucedido. No seu relato indicaba que sacara da auga a unha persoa que semellaba estar afogada na praia de Caldebarcos, en Carnota (A Coruña).
Decontado, os xestores do 112 Galicia informaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os cales mobilizaron o helicóptero con base en Ourense, aínda que malia os esforzos nada se puido facer pola vida da persoa.
A maiores, tamén se informou do sucedido ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Policía Local e da Garda Civil, así como aos efectivos de Protección Civil de Carnota.
Con todo, as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias deste suceso.




