A Deputación da Coruña vén de achegar o seu apoio a un proxecto audiovisual e educativo contra a LGBTIfobia cuxo núcleo central é a divulgación e a sensibilización a través das redes, de feito inclúe un vídeo de animación en galego para as novas xeracións e, tamén, unha unidade didáctica e obradoiros interactivos en centros educativos para promover a diversidade e a inclusión. Trátase do proxecto LÍA, desenvolvido por Promove. Foi seleccionado pola Deputación da Coruña na convocatoria do programa de subvencións destinado á produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia durante o ano 2023
O proxecto, que se está a desenvolver actualmente, é o resultado da colaboración entre diferentes organizacións activistas en temática LGBTIQ+ (Avante LGBT+, Amizando, ALAS A Coruña e Gotas) e centros educativos (CEIP Valdexería en Muros, CEIP Quiroga Palacios, CIFP Compostela, IES Lamas de Abade, IES de Sar, IES Xelmirez I en Santiago, e CIFP Leixa en Ferrol), ademais de contar coa colaboración da compañía de teatro Chévere a través da actriz Patricia de Lorenzo (voz narradora do vídeo) e o apoio da Deputación da Coruña. O propósito é crear unha ferramenta educativa que axude a promover unha cultura de respecto e empatía nos espazos educativos e na sociedade en xeral.
O corazón deste proxecto é un vídeo educativo que aborda como o reforzo dos roles e estereotipos de xénero ao longo da infancia pode promover actitudes e comportamentos LGBTIfóbicos e que se pode visualizar a través da web de Promove. Preténdese así sinalar que “a violencia contra as persoas LGBTI non é o resultado dunha maldade inherente ás persoas senón dunha suma de condicionantes sociais e culturais de carácter patriarcal”. Este vídeo será distribuído de balde a todos os centros educativos da nosa comunidade que o soliciten, coa finalidade de ser utilizado en actividades de sensibilización e debate.
Ademais do vídeo, tamén se organizan talleres interactivos nos centros educativos, nos que profesionais especializados en educación e diversidade imparten charlas e dinámicas participativas. Estes obradoiros ofrecen “un espazo seguro e respectuoso para que o alumnado poida expresar as súas dúbidas e inquedanzas, así como para promover a reflexión crítica sobre a importancia do respecto á diversidade”, sinalaron dende Promove e a Deputación, engadindo que a través desta iniciativa “búscase non só sensibilizar ao alumnado, senón tamén apoderar ás comunidades educativas para que promovan unha cultura de respecto e inclusión en todos os ámbitos da vida escolar”.