A Pobra saca á luz a historia do campo de concentración do Pozo nun exercicio de xustiza, reparación e memoria

13 Abril 2024

Dignifica-la memoria de todas aquelas persoas que loitaron pola defensa dos principios democráticos durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, así como poñer sobre o mapa aqueles lugares vinculados a estes episodios. Esta é a reflexión baixo a que se rexeron os actos desenvolvidos na tarde deste 13 de abril na Pobra do Caramiñal con motivo da axenda impulsada dende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, coa colaboración do Concello pobrense, en materia de memoria histórica para conmemora-lo Día da República.


O punto de partida foi a inauguración dun panel informativo no campo de concentración do Pozo, na Lomba. Alí, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, recalcou o deber das institucións públicas de “facer todo canto estea na nosa man para impulsar políticas de memoria fronte ao negacionismo.” Continuou a súa intervención falando da necesidade de que se coñezan os padecementos das vítimas e tamén de defende-los dereitos das súas familias porque “sen reparación, non hai xustiza.” A edil lembrou a represión que sufriron O Barbanza e A Pobra do Caramiñal, en particular, con sucesos como o fusilamento do tenente de alcalde Manuel Hermo Vidal ou o cárcere para o xornalista e escritor Victoriano García Martí. E aínda que nos últimos anos se deron pasos que responden “á decencia democrática, á verdade histórica”, recoñeceu que queda moito por facer.
O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB), Carlos Cimadevila, quixo dar conta polo miúdo dos obxectivos da entidade na súa actividade diaria; un conxunto de accións que pretenden “satisfacer no posible as expectativas de non repetición dos graves feitos do pasado recente, como o demandan as vítimas de violacións aos dereitos humanos e os seus familiares.”

Tamén participou o historiador Xesús Santos, quen recordou as penurias dos presos neste campo de concentración con traballos forzosos; unha triste e dura realidade na que tentaban paliar, na medida do posible, persoas como o sacerdote don Higinio, da parroquia de Santo Isidro de Posmarcos, con labores máis liviás, ou mulleres coñecidas como as madriñas, que arranxaban a roupa e levaban comida.
E o momento de coñecer un pouco máis de preto a un dos recluídos no Pozo, Manolo O Catalán, chegou en formato de carta dun dos seus sobriños, lida pola técnica municipal da Normalización Lingüística, Paula Alexandre. Manuel García Hornos, nacido en Granada en 1912, emigrou de neno a Cataluña, onde viviu ata que o levaron preso á Pobra do Caramiñal.
Conseguiu finalmente a liberdade, casou con Segunda Amigo Rivadulla e acabou residindo na vila, onde exerceu como contable na fábrica de conservas Colomer ata a súa xubilación. Tamén destacou pola súa activa implicación na vida cultural e social da localidade.


Outra das asistentes foi a deputada provincial dos Dereitos Civís, Soledad Agra, quen se referiu ao papel importante que xoga a comunidade educativa para ensinar ás novas xeracións o noso pasado recente e que a historia non se repita. Condenou, ademais, o blanqueamento da ditadura e os golpes a estado democráticos, poñendo un exemplo actual como é o de Palestina.
Así mesmo, o alcalde, José Carlos Vidal, lembrou un episodio sucedido na súa etapa como bibliotecario municipal, protagonizado pola chamada dun home. Preguntaba se no municipio existira algún campo de concentración. O seu interede viña motivado polo que atopara escrito nunhas cartas que gardaba súa nai e que descubrira tralo falecemento da mesma. Na súa quenda de palabra, quixo “honrar a vida de todos aqueles que sufriron e morreron neste campo de concentración”, polo que pediu gardar un minuto de silencio.
Esta primeira parte contou tamén cunha ofrenda floral e a colaboración musical de Bernal Muíños. A segunda fase transcorreu xa no Auditorio do Museo Valle-Inclán coa presentación do caderno Campos de concentración. Muros, A Pobra e Rianxo e o nomeamento de Xesús Redondo Abuín como Republicano de Honra 2024. Aquí contouse novamente coa participación da edil, do presidente da CRMHB e do referido historiador, ademais de sumarse o escritor Xesús Alonso Montero e o secretario da CRMHB, Néstor Sieira, co grupo Barahúnda amenizando musicalmente estas últimas horas da tarde.

Concello A Pobra

Outros artigos

Domingo regresa o sol e empeza a subir a temperatura

Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, localmente treboentos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas...

+

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...