A Corporación municipal de Ribeira conmemorou este martes 2 de abril o Día Mundial do Autismo. No comunicado conxunto os grupos sinalaron que “esta data especial dános a oportunidade de reflexionar, concienciar e promover a inclusión das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) en todos os aspectos da vida”.
E engádese no comunicado: “No Concello de Ribeira cremos firmemente na importancia de construír unha sociedade inclusiva, onde cada individuo, independentemente das súas diferenzas, sexa valorado e respectado. Recoñecemos o valor único que as persoas con TEA aportan á nosa comunidade e estamos comprometidos a traballar cara a un futuro onde todos e todas teñan acceso a recursos axeitados, apoio emocional e oportunidades para desenvolver as súas habilidades e talentos”.
O Día Mundial da Concienciación do Autismo celébrase cada ano o 2 de abril, conforme á resolución da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas 62/139, aprobada o 18 de decembro de 2007, proposto polos representantes do Estado de Qatar, e apoiada por todos os estados membros.




