Os feridos eran tres adultos e dous menores que foron trasladados ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Pouco despois das 15:00 horas de hoxe, o 112 Galicia foi coñecedor dun accidente entre dous vehículos mediante a chamada dun particular. O propio alertador indicou que había feridos, ademais de que os coches implicados quedaban interrompendo a circulación na vía, pertencente á parroquia de Santa Comba de Cordeiro.
Tras isto, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Salnés, Garda Civil de Tráfico, GES de Padrón e Protección Civil de Valga.
Unha vez xa no lugar do accidente, os profesionais dos diferentes medios desprazados confirmaron que había cinco persoas feridas, despois de que se producira unha colisión frontal entre os dous turismos involucrados. Tres pasaxeiros dun vehículo tiveron que ser trasladados, ao igual que dúas persoas máis do outro coche.
Aínda que non se precisou levar a cabo labores de limpeza da vía tralo accidente, si foi necesaria a axuda dun guindastre para poder retirar os turismos da estrada.




