O Concello de Rianxo, a través da Concellería de Medio Ambiente, bota a andar unha campaña de captura de raíñas de avespa velutina. O obxectivo é combater a proliferación desta especie invasora, moi prexudicial para a poboación das nosas abellas, antes de que a chegada da calor primaveral, logo da hibernación, impulse o seu espallamento. O vindeiro domingo 7 de abril, nas Escollas Vellas da Atalaia (Asados), organizarase unha charla para falar desta problemática e repartiranse botellas-trampa e atraíntes. Tamén se porá o foco na urxencia de coidar a nosa poboación de abellas.




