Este martes presentouse III edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, impulsado pola asociación AGADEA Alzhéimer co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de varios concellos galegos. O obxectivo deste certame “é sensibilizar este doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións”, segundo fixeron saber as entidades impulsoras no acto de presentación, no que estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e máis Isabel Gey, presidenta de AGADEA, asociación que conta cunha importante actividade na nosa comarca, principalmente en Ribeira, Boiro e Rianxo.
O secretario xeral salientou a consolidación deste certame e animou a todos os creadores e creadoras en lingua galega a “participar deste proxecto que, a través da palabra escrita, busca conectar as xeracións máis vellas, que son as que sofren dunha maneira máis acusada estas doenzas, coa rapazada, a quen se dirixen os traballos presentados”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no compostelán Pazo de San Roque, tamén participaron a presidenta de AGADEA, Isabel Gey, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste eido en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
As persoas interesadas en participar deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus orixinais inéditos desde este 5 de marzo e até o 1 de xullo. A temática das obras (que en cuestión de formatos poderán ser novelas, poesías, álbums ilustrados ou novelas gráficas) terá que estar relacionada co alzhéimer, coa memoria e os recordos, coa sensibilización das demencias, coas persoas anciás, coas actividades interxeracionais, coas persoas coidadoras ou demais temáticas arredor destas doenzas.
O gañador, que recibirá 3.000 euros, así como a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciado en setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer e unirase a Raquel Castro e Ignacio Vidal, galardoados na primeira e segunda edición, respectivamente.
As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse na web de AGADEA e no Portal da Lingua Galega.
No acto de presentación, a secretaria do premio, á escritora Ánxela Gracián, convidou a todos os escritores/as a participar neste premio que ten como consigna “tratar a temática do alzhéimer e da memoria, as súas consecuencias nas familias e nos que as sofren, e que o fagan en calquera dos xéneros no que se sintan máis solventes escribindo”, apuntou, salientando o éxito de participación da convocatoria anterior, que a”cadou un número de orixinais moito máis que axeitado, tanto pola participación como pola calidade”.
O xurado do Premio Simbad está composto polos escritores, Francisco Castro, que ademais é o presidencia ad honorem do mesmo, Ánxela Gracián, que actúa como secretaria do galardón, Fina Casalderrey, Blanca-Ana Roig-Rechou e Baldo Ramos.
A escritora Raquel Castro resultou gañadora da primeira edición coa obra Sobremesa sobre Versos e o accésit recaeu na obra Cando o avó esqueceu o seu nome, da escritora santiaguesa, Rosalía Morlán. O escritor, Ignacio Vidal foi o gañador da segunda edición coa obra Sucos.
As dúas primeiras horas xa están publicadas e foron entregadas con dedicatorias dos maiores de AGADEA ás bibliotecas de ata 11 colexios. Entre eles o Divino Maestro, Raiña Fabiola e Cluny de Santiago, e o Heroína de Sálvora, Sagrado Corazón, Carreira, Palmeira, da zona do Barbanza. Tamén no colexio de Vedra e o do Foxo, o Cabada Vázquez, Figueiroa e Pérez Viondi, da Estrada.
Bases do premio 2024
O prazo de presentación de solicitudes remata como dixemos o 1 de xullo do 2024. A este certame poderanse presentar todos aqueles textos orixinais e inéditos pertencentes a calquera dos xéneros propios da literatura infantil dende novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada e novela gráfica, escritos en lingua galega. O xurado dará a coñecer o seu veredicto en setembro, con motivo do Mes do Alzhéimer. O galardón está dotado con 3000 €.
AGADEA, como está nas bases, comprará 100 exemplares, para a axuda á edición, que queda aberta a calquera editorial.
AGADEA conta neste certame co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así como co apoio das respectiva concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos nos que AGADEA presta os seus servizos, como son o de Santiago de Compostela, Vedra, Trazo, A Estrada, Cuntis, e na zona do Barbanza (Ribeira, Rianxo, Boiro).