
A patronal boirense (ABE) puxo en marcha a segundo edición da súa campaña de promoción comercial Bonos Negocios 10, a través da que pretende incentivar as ventas nos negocios asociados con agasallos-descontos semellantes aos da iniciativa Bonos Activa Comercio da Xunta. Para isto, a ABE porá a venta 200 caixas de bonos #negocios10 que teñen un valor de 50 € pero que ao cliente so lle custarán 40€, polo que levan 10 € de regalo como aliciente para que as utilicen nos establecementos asociados.
As 200 caixas poranse á venta o 7 de marzo as 10:00 horas da mañá nas oficinas da ABE ata esgotar existencias.
Unicamente poderase mercar 1 caixa por persoa, de xeito presencial e en efectivo, explicou a ABE este luns 4 de marzo, en rolda de prensa. Nela, o presidente da ABE, Daniel García, fixo saber que “os bonos #negocios10 son unha caixa que contén 10 vales de compra de 5€ que son válidos para gastar en calquera das 204 empresas asociadas a ABE entre o 7 de marzo e o 15 de abril”.
A caixa tamén contén un listado con todos nos negocios onde se pode utilizar dende roupa, calzado, alimentación, electrodomésticos, decoración, reformas, climatización, xogueterías, librarías, tinturarías, gasolineira, transporte, bares e cafeterías, restaurantes, ocio nocturno, turismo rural, saúde e benestar e un largo etcétera.
Tamén quixo facer especial fincapé en que con esta campaña “pretendese incentivar as compras nun período onde o consumo é baixo para acadar máis de 10.000 € de retorno en compras nos negocios da localidade” e advertiu aos clientes que “o pasado ano as caixas vendéronse en menos de 15 días polo que os interesados deben pasar polas oficinas da ABE canto antes”.
Estímase que as 200 caixas teñan un repercusión de 10.000 € nos negocios durante o mes e medio que dura a promoción. Facendo balance, García explicou que o ano pasado os clientes gastaron estes bonos en 52 negocios diferentes e non só en comercios senón que servizos e hostalería tamén se beneficiaron da iniciativa.
Na rolda de prensa o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quixo “dar os parabén a ABE pola iniciativa que trata de incentivar as compras nun mes de escasa demanda” e animou “a seguir nesta liña de traballo que conta co total apoio do Concello”.
As bases completas da campaña pódense consultar na web da ABE.




