A concelleira de Cultura, Antía Alberte, e a concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, presentaron este venres 23 de febreiro a programación para o Marzo de Igualdade: máis dunha decena de accións no mes vindeiro que xirarán arredor da muller, da igualdade e do feminismo como valores transversais na sociedade e “que debemos promover tamén dende as administracións”, explicou Antía Alberte, engadindo que “con esta programación o que pretendemos é crear sinerxías entre as concellerías e fomentar dende este goberno unha cultura de carácter feminista”.
A primeira das iniciativas celebrarase o vindeiro venres, día 1, ás 20.30h no Centro Cultural Lustres Rivas. Trátase da exposición titulada EmpoderArte, que “organizamos e impulsamos directamente dende a área de cultura como homenaxe a artista Carmen Romero”, sinalou Alberte, apuntando que se trata dunha exposición colectiva na que participan máis dunha trintena de artistas e “coa que celebramos non só os logros e contribucións das mulleres ao longo da historia, senón tamén a súa vitalidade e creatividade no eido artístico”.
Ao día seguinte, o sábado 2 de marzo ás 12.00h, tamén no Centro Cultural Lustres Rivas haberá contacontos para nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias da man de Atenea García. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal.
Xa na seguinte fin de semana, o venres 8 ás 21.15h no Auditorio municipal, o grupo noiés Lúa Chea traerá o seu espectáculo Comisaría de Mulleres. A entrada será de balde e as portas abriranse media hora antes da función. “Esta obra é unha comedia teatral para público adulto hilarante e reivindicativa, que fala dos dereitos e dificultades que a muller ten ante esta sociedade”, sinalaron as concelleiras.
O sábado 9 de marzo, ás oito e media, continúan as propostas teatrais no auditorio municipal. Será da man da Asociación Cultural O Xeito coa obra Am@te na que se fai unha reflexión sobre a nosa realidade e a violencia de xénero.
O sábado 16 haberá unha proposta para público familiar, no auditorio ás 19.00 h con Títeres Tarabelos e o seu espectáculo de monicreques Amoriños Contei.
Na seguinte semana, coincidindo ademais coa celebración Do día da Poesía, o día 21 realizarase a lectura da obra poética de Ánxela Gracián. Será ás 20.00h no Centro Cultural Lustres Rivas e no acto participará a autora e tamén a poeta Patricia Torrado. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal.
No sábado 23 ás 12.00h no Centro Cultural Lustres Rivas haberá a presentación da obra Luisa Villata, Alma de Violino de Beatriz Maceda e Eli Rios e a continuación un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias. Para esta actividade será preciso realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal
E o mércores 27 de marzo no Auditorio ás 20.00h coa proxección do documental Nación, de Margarita Ledo, e coloquio posterior. Este é un filme que aborda a realidade daquelas mulleres traballadoras e loitadoras polos seus dereitos na fábrica de cerámica A Pontesa.
“Este ano fíxose un esforzo importante por poñer en común toda a programación do mes de marzo.” destacou a concelleira Cruz Rivadulla, engadindo que “nesta liña, e en relación coa exposición EmpoderArte destacar que a homenaxe institucional do Concello este ano será en homenaxe ás mulleres artistas de Ribeira”. O acto terá lugar o día 8 de marzo ás 12.00h no Auditorio Municipal.