18F: Amicos organizou actividades de cultura democrática previas ás eleccións autonómicas deste domingo 18F

16 Febreiro 2024
A charla cos representantes do PSOE

A longo da segunda semana de febreiro, as mozas e mozos do centro de Amicos en Comoxo (Boiro) asistiron a varias sesións informativas para familiarizarse co proceso electoral e os programas dos principais partidos que se presentan ás eleccións autonómicas 2024 en Galicia.

Como parte desta iniciativa, visitaron o centro distintos representantes do Partido Socialista de Galicia, Sumar Galicia, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego.

Estas xornadas informativas comezaron o luns, 12 de febreiro, cunha sesión na que os técnicos do centro lles mostraron aos amicos e amicas en que consisten as eleccións para a Xunta deste 18 de febreiro e que se decide nelas. Tamén viron os distintos logotipos dos partidos políticos que se presentan a estas, así como as súas principais propostas. O martes, pola súa banda, as técnicas de desenvolvemento Deisi e Sonia realizaron cos e coas beneficiarias un simulacro da xornada electoral.

A charla con Sumar

O obxectivo desta actividade foi familiarizar aos membros da comunidade Amicos co proceso de votación, para que os que decidan asistir a votar saiban en que consiste e se sintan seguros á hora de exercer este dereito. Para iso representouse unha mesa formada por un presidente e dous vogais, así como a urna para depositar os votos, o cubículo das papeletas e o momento de depositar o voto e a necesidade de mostrar o DNI.

Dende a entidade deféndese “que o dereito a voto debe desenvolverse de forma voluntaria, libre, consciente e autónoma”. Para iso, buscouse ofrecerlles a información necesaria para que eles mesmos poidan tomar as decisións que repercuten na súa vida.

Estas xornadas informativas completáronse cunha serie de visitas de representantes dos principais partidos políticos a nivel autonómico. Estas charlas comezaron o mércores coa visita de José Ramón Romero, alcalde de Boiro, e María Outeiral, concelleira de Cultura boirense, representantes ambos do Partido Socialista de Galicia.

Seguíronos Xosé Lois Piñeiro e Lola Caramés, excalde da Pobra e a política noiesa que vai como número 6 pola Coruña respectivamente, que representaron a Sumar Galicia.

Xa o venres foi a quenda do Partido Popular, e pola tarde, achegáronse ata o centro Raquel Suárez, Carlos Ansoar e Néstor Veiga do Bloque Nacionalista Galego de Boiro.

Con estas sesións buscouse achegarlles os distintos programas e propostas destes partidos. Ditas conferencias trataron sobre as ideas e plans que os grupos teñen sobre cuestións como servizos sociais, sanidade, ecoloxía, educación ou vivenda. Trala exposición, os mozos e mozas realizaron distintas preguntas e peticións para coñecer como os distintos partidos pensan afrontar asuntos que os preocupan, especialmente aqueles temas referentes á discapacidade e ás súas inquedanzas persoais.

Con respecto a esta iniciativa, dende os socialistas de Boiro quixeron destacar o seu “agradecemento á Asociación Amicos por convidarnos a dar a coñecer o programa de Besteiro e do PSdG para as eleccións á Xunta de Galicia, un proxecto que pon ás persoas en primeiro lugar e que aposta pola igualdade de oportunidades”. Un aspecto no que incidiron ao longo da
súa visita ao centro. Pola súa banda, Xosé Lois destacou da súa visita a Amicos que “foi produtiva, intensa e atopámonos cun público moi ben preparado e non condicionado, que é moi importante. Aquí informaselles das necesidades que existen, e eles son conscientes e nótaselles ben, expresan ben as súas demandas. A verdade é que é un acto que eu diría de dez, asistín a varios durante a campaña e a precampaña con distintos colectivos, e oxalá que todo o mundo viñera coas cousas tan preparadas e as espuxeran con tanta claridade”.

Algo no que coincidiu coa súa compañeira, Lola Caramés, que afirmou non ser allea ás necesidades dos amicos e amicas, e expresou que “viñemos a escoitar ao colectivo de persoas con necesidades especiais…. Foi unha xornada moi produtiva, moi emotiva… recollemos todas as demandas que nos fixeron os usuarios e usuarias, e agardamos que o próximo 19, cando haxa cambio na Xunta, poidamos facelas efectivas”.

Os populares, pola súa banda, incidiron en que “foi un pracer participar nesta xornada para presentar o programa electoral aos usuarios de Amicos. Foi moi interesante, sobre todo o coloquio que tivemos despois, coas preguntas e propostas que nos achegaron. Creo que é fundamental que os partidos políticos poidamos expoñer ante as persoas con discapacidade cales son os nosos programas, explicárllelos dunha forma fácil, que o entendan, e sobre todo contestar ás súas preguntas. É fundamental que vaiamos moi ben informados para exercer o dereito a votar”. Tamén destacou en que a rapazada da asociación “presentou propostas moi interesantes. A maioría delas xa as tiñamos contempladas porque son necesidades que nós tamén fomos detectando, pero tamén houbo outras moi interesantes das que tomamos boa nota. Por exemplo, a de garantir que as persoas con discapacidade que son elixidas para ir nunha mesa electoral teñan facilidades para facelo. Hai que seguir traballando nesa liña”.

Raquel Súarez, do BNG de Boiro, destacou que “as eleccións son momentos de intercambio de ideas e é de xustiza chegarmos a todos os colectivos e, en especial, aqueles que como Amicos son apoios fundamentais para familias e persoas, por momentos esquecidos da nosa sociedade. Tomamos boa nota do voso traballo e das inquedanzas expresadas desexando encontren a partir do 18 de febreiro solución”. Asemade, quixo salientar que dende o seu partido “queremos o Parlamento de Galiza e o seu goberno sexan un lugar de encontro a través dun Consello Galego paritario coas entidades na busca do financiamento necesario e o debate permanente e participativo das políticas públicas que se dirixen ao colectivo, melloras legais para impulsar ou renovar dereitos desde unha nova lei galega cara a atención integral. Tamén o desenvolvemento da lei de accesibilidade que desde o 2014 agarda a súa concreción e universalización”.

 

 

 

 

Outros artigos

Xoves 12, nubes e claros e temperaturas sen cambios

Este xoves, Galicia quedará baixo a influencia dun réxime de ventos do sueste así esperase unha xornada caracterizada por ceos con intervalos de nubes e claros, sendo máis abundantes as nubes na zona do sueste da comunidade. As temperaturas manteranse sen cambios...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...