Entre as 6 horas da madrugada e o mediodía, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias rexistrou 276 incidentes relacionados cos efectos do vento e da chuvia, que afectan á comunidade galega.
Os máis frecuentes tiveron que ver coas estradas, nas que os servizos de emerxencias interviñeron pola presenza de árbores e pólas (124), accións dos equipos de emerxencia para evitar riscos (38), diferentes obxectos nas estradas (39), postes de alumeado/telefonía afectados e incidentes con material eléctrico (19) ou derrubamentos (26).
Ao longo do día de hoxe, as vías de comunicación galegas rexistraron diversos accidentes ligados ás condicións climáticas adversas: Un accidente dunha moto que circulaba pola rúa de Javier López López, na Coruña. O cal debido aos refachos acadados neses intres, provocou a caída do motorista, que, con todo, resultou ferido leve.
Por outra banda, en Santiago de Compostela, na AP-9, á altura do Castiñeiriño, un condutor saíuse da vía por mor dunha balsa de auga na estrada. O condutor resultou ileso.
Tamén, destacamos a rexistrada nunha nave comercial, situada en Culleredo. O forte vento levantou practicamente todo o tellado.
Así mesmo, o 112 Galicia tivo constancia do derrubamento dun muro dunha casa, en Ferrol. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
A provincia da Coruña resultou a máis afectada polos efectos da meteoroloxía adversa, con 155 incidencias, seguida Pontevedra, con 39; Lugo, con 66, Ourense, con 15 e outras comunidades, nas que se rexistrou 1 incidencia.
En canto aos concellos, na Coruña destacan A Coruña (25), Ferrol (10) ou Santiago de Compostela (9). En Lugo, Viveiro ou Ribadeo rexistraron 8 incidencias cada unha. Na provincia de Pontevedra destaca Vigo con 12 incidencias rexistradas e na provincia de Ourense, Sandiás ou o Barco de Valdeorras con 2 respectivamente.




