
Os tres agardaron agarrados á quilla da lancha ata que chegaron os equipos de rescate.
Atópanse en bo estado e foron trasladados ao porto de referencia na embarcación e helicóptero de Salvamento Marítimo.
Pasadas as dez desta mañá, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa, que solicitaba asistencia urxente tras envorcar a súa embarcación nunha zona coñecida como A Basoña, en Porto do Son. Indicaba que eran tres tripulantes, que se mantiñan agarrados no casco da lancha, e requirían axuda o antes posible.
Con esta información, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para a mobilización dos recursos necesarios, neste caso, Salvamento Marítmo e Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén contactouse cos axentes da Policía Local e a Garda Civil e os servizos médicos de urxencias quedaron pendentes por se finalmente era necesaria a intervención. Sen embargo, o bo estado dos afectados descartou este recurso, e os tres tripulantes foron trasladados sen lesións ao peirao de referencia.
No seu traslado participaron o helicóptero Helimer e a Salvamar Regulus. Esta última embarcación de salvamento ocupouse tanto do rescate de dous dos tripulantes (o terceiro foi na aeronave) como do remolque da lancha danada.

A Salvamar Regulus rescata a dúas persoas e o pequero Prajo Primeiro a un terceiro.
A alerta temperá salva vidas. Nesta ocasión, o feito de que os 3 tripulantes do pequero avisasen co seu móbil ao 112 facilitou a posta en marcha dun operativo desde o Centro d e Coordinación de Salvamento Marítimo en Fisterra que os permitiu localizar con vida e en bo estado.
O aviso chega ás 10.10h, cando o 112 informa ao CCS Fisterra que recibiu unha chamada de móbil dunha persoa cuxa embarcación está quilla ao sol na zona das Basoñas. El atópase na auga agarrada á mesma. A embarcación é o Guiomar UN.
De inmediato o Centro de Fisterra mobiliza á Salvamar Regulus, ao helicóptero Helimer 402, ao avión Sasemar 102 Rosalía de Castro e aos barcos pesqueiros na zona. Ás 10:28h o Pesqueiro Alcón II informa que ve a embarcación envorcada e a tres persoas que parecen ilesas sobre ela. Ás 10:41 horas a Salvamar Regulus di que as tres persoas foron rescatadas. Dous dos tripulantes chegaron a nado ata a Salvamar Regulus e un a bordo do pesqueiro PRAJO Primeiro.
“Grazas á alerta temperá os tripulantes están salvo”, din desde o CCS Fisterra. Porque na mar, insisten, nun minuto xógascho todo.
DE NOVO O PRAJA PRIMEIRO
Non é a primeira vez que o Praja Primeiro vive unha situación similar. O 9 de xaneiro de 2020, a embarcación de pesca Rapaciña con dous tripulantes a bordo, sufriu unha escora excesiva mentres estaba halando as redes, o que provocou unha inundación repentina e rápida da bañeira da embarcación e o seu posterior envorco.
A embarcación terminou por afundirse nas proximidades do castro de Baroña. Os seus dous tripulantes foron rescatados en bo estado de saúde pola embarcación de pesca Prajo Primeiro que estaba a faenar nas inmediacións.



