
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, criticou novamente no Parlamento autonómico o proceder do Goberno galego en relación aos vertidos de granulados plásticos procedentes do buque mercante Toconao. Ao seu xuízo, este proceder “está danando a imaxe de Galiza e ao sector pesqueiro”.
Pontón trasladou todo o apoio do BNG ao sector pesqueiro e marisqueiro, que, segundo dixo, “leva os últimos 14 anos soportando unha caída constante da actividade e as capturas”, algo no que, segundo recalcou, ten moito que ver a “inacción” do PP “no coidado do noso mar”.
A portavoz tamén dixo que a nosa terra “merece un Goberno que estea á súa altura; lamentablemente, o do PP demostrou que non está á altura dos galegos e das galegas, nin á da xente do mar deste país”. Tamén afirmou que a resposta do Executivo galego á crise “foi a peor das posíbeis” diante dun “desastre ambiental no que Galiza soporta unha marea de plástico de 26 toneladas”.
Repasando a cronoloxía dos feitos, a líder nacionalista reprochou ao PP que “repetise o mesmo infame protocolo de “ocultación, mentiras, manipulación e incompetencia que xa utilizara no Prestige, mesmo rozando o ridículo con algunhas declaracións disparatadas que sorprenden, indignan e dan vergoña allea a partes iguais”, dixo, engadindo que “non estamos ante outro Prestige e menos mal!, pero o certo, explicou, “é que a nosa costa segue igual de indefensa” que “cando hai 22 anos o chapapote cubriu este País”, o que cualificou de “intolerábel”.
Pontón relatou deste xeito o proceder do Goberno galego: “O PP tentou, en primeiro termo, ocultar os feitos, cun Rueda que tardou un mes en manifestarse sobre o vertido e a súa gran aportación foi criticar a quen estaba denunciando a marea de plástico e pedindo actuacións; e en segundo lugar pretendeu minimizar o desastre; e en terceiro, puxo en marcha unha campaña de lavado de cara utilizando os medios públicos para manipular”.
A portavoz do Bloque preguntouse como “é posíbel que a cidadanía galega fose quen de autoxestionarse e organizarse en 48 horas e o Executivo galego e o central sexan incapaces de coordinarse para traballar na máxima prioridade, que é a limpeza do litoral galego”.
Ademais, reclamou a ámbolos dous gobernos, aos que ofreceu toda a colaboración do BNG, que “paren as súas liortas, a súa confrontación inútil” e se poñan a traballar dunha vez “man a man, coordinadamente e con todos os medios necesarios para limpar o litoral galego afectado pola marea plástica porque”, segundo recalcou, “o que menos necesita este país son as liortas e a confrontación partidista e electoralista que se traen entre vostedes”.



