
O local social da Asociación de Empresarios de Ribeira, na rúa Rosalía de Castro, acolleu este martes 29 de xaneiro a entrega de premios da Campaña da Nadal desenvolvida durante as pasadas festividades pola patronal.
Á entrega asistiron o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, e máis a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Genoveva Betanzos.

A gañadora da viaxe Manuela Mariño, mostrou o seu agradecemento polo agasallo, que, segundo dixo, vai ser desfrutado en familia. Así e todo, dixo, está aínda no aire o destino da viaxe e tamén as datas.

O sorteo realizouse o pasado 10 de xaneiro. A Campaña de Nadal organizada pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de Ribeira tivo o obxectivo de fomentar o comercio local, motivando as compras nos establecementos do termo municipal e premiando a fidelidade dos clientes, obsequiándoos con boletos que lles deron opción a gañar os premios do sorteo.

“Estes obsequios serviron de estímulo para incrementar as compras no noso concello”, explicou o presidente da patronal ribeirense, Francisco Martínez, destacando tamén a gran variedade de sectores que concorreron na campaña: moda, deportes, complementos, zapaterías, salóns de peiteado, decoración, seguros, talleres e venta de vehículos, ferreterías, restauración e hostalería…

A promoción celebrouse entre os días 1 de decembro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024, inclusive.
Os premios foron unha viaxe valorada en 2.500 euros e 5.000 euros en vales de compra repartidos en 51 premios da seguinte maneira:
1-Tres vales de compra por importe de 300 euros.
2-Seis vales de compra por importe de 250 euros
3-Dez vales de compra por importe de 100 euros
4-Trinta e dous vales de compra por importe de 50 euros.



