O Concello de Ribeira pon a disposición de cidadáns e visitantes unha chea de actividades para celebrar o Entroido

31 Xaneiro 2024

A concelleira de Cultura, Antía Alberte, e o concelleiro de Festexos, Francisco-Suárez Puerta presentaron este 31 de xaneiro a programación para o Entroido 2024 en Ribeira. A axenda comezará o venres 9 de febreiro pola tarde con charangas que actuarán tanto en Santa Uxía como nas parroquias, rotando os lugares para que a música chegue a todos os recunchos. Así comezarán as actuacións coa charanga Fanfarria Furruxa en Carreira e Castiñeiras o venres 9, e ese mesmo día estarán os Celtas da Baña en Ribeira.

O sábado, día 10, haberá tres charangas: en Palmeira e Aguiño estará Fanfarria Furruxa e en Ribeira a charanga Bandiños Band (de Ourense) e Os Celtas da Baña. Este día tamén se celebrará un espectáculo de monicreques dirixido á poboación infantil a cargo de Títeres Brincadeira e que se titula Onde viven os monstros. Será ás doce da mañá no Centro Cultural Lustres Rivas e as familias interesadas poderán acudir reservando a súa praza enviando un correo normalizacion@ribeira.gal.

Ao longo do sábado celebrarase o expreso do Entroido, o tren infantil que percorrerá as rúas da cidade, con saída e chegada na praza do Concello de 11 a 14 e de 16.30h a 19.30h, e co que “tamén se busca dinamizar as rúas da cidade e o tecido comercial”, sinalaron os concelleiros.

O domingo 11, animarán as rúas as charangas Fanfarria Furruxa BB+, e como novidade organizarase unha festa infantil con concurso de disfraces. A festa será aberta e gratuíta e comezará ás cinco da tarde e terá lugar na carpa do Malecón, e contará con obradoiros variados de tatuaxes, globoflexia, tamén distintos inchábeis, unha festa de neón, unha actuación musical cun Dj e no marco desa festa, arredor das 7 da tarde, haberá unha pasarela de disfraces na que poderá desfilar toda a rapazada e só por facelo recibirán unha bolsa de lambetadas (ata esgotar existencias).

Os concelleiros tamén fixeron saber que “aqueles que desfilen e queiran entrar na fase de concurso deberán enviar a súa fotografía desfilando xunto cos seus datos ao correo comercio@ribeira.gal e poderán optar a 4 premios por importe de 150 euros cada un para mercar en distintos establecementos do comercio local”.

Por certo que as bases completas deste concurso nas que se indican os prazos para enviar as imaxes así como outros detalles, publicáronse mesmo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e xa poden consultarse na nosa páxina web municipal, www.ribeira.gal.

O luns 12 de febreiro (véspera do festivo local) contarase o xa tradicional concurso de disfraces para maiores de 18 anos que este ano aumenta o seu horario e comezará xa ás 12 do mediodía e ata as 4:30h da madrugada contando coa colaboración dos bares participantes, “para que aquelas persoas que o prefiran tamén poidan sumarse ao concurso en horario diúrno mentres van tomar as tapas a media mañá ou pola tarde”. Neste concurso repartiranse máis de 2.300€ en premios nas categorías individual, parella ou trío e grupo (dun mínimo de catro persoas). As bases deste concurso tamén se poden consultar xa na web municipal, www.ribeira.gal, para coñecer en detalle a mecánica do mesmo, os prazos para o envío da fotografía e demais.

O luns 12 sairá á rúa novamente o tren infantil percorrendo as rúas da cidade, con rutas distintas ás do sábado, e con saída e chegada dende as 11 da mañá da parada central de autobuses do Malecón. Así mesmo nesta xornada, animarase o concurso de disfraces coas actuacións das charangas BB+ e Os Celtas da Baña. Este día remata coa actuación a partir das 12 da noite na carpa do Malecón de Discomóbil Chocolate con Tito Máverick.

O martes 13, festivo local, desenvolverase o Concurso, Desfile e Festival de Murgas, Comparsas e Carrozas, cuxo desfile sairá ás 5 da tarde do entorno do Auditorio Municipal e rematará na carpa do Entroido, onde comezará a fase de concurso. En todo este percorrido estarán acompañadas as agrupacións pola charanga Fanfarria Furruxa de Caldas, Caña Aquí de Ourense e o grupo Latexo Percusión.

O mércores, día 14, é o Enterro do Felipe, para o que se contará unha vez máis coa colaboración dos usuarios do obradoiro de carpintaría da UCA que se encargan da creación e preparación deste personaxe. A comitiva que o acompañará, xunto coa charanga Os Celtas da Baña, ten prevista a súa saída ás 19.30h do entorno de Capitanía Marítima e chega á praza dos Mariñeiros onde terá lugar a súa queima con fogos de artificio. Ao rematar ofrecerase unha degustación de doces típicos de Entroido na carpa do Malecón.

Os concelleiros engadiron que “unha vez pasados estes días grandes do Entroido, aínda haberá marxe para o Entroido Pequeno, que celebraremos o sábado 17 de febreiro e o domingo 18 coa ruta de tapas en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Ribeira, na que os participantes que proben algunhas destas creacións culinarias entrarán no sorteo dun agasallo sorpresa”. O sábado a ruta de tapas será de 19 a 22 h e o domingo de 12 a 15h, e ambos os días estará animada pola Charanga os Celtas da Baña.

O sábado 17 organízase outro espectáculo infantil dirixido a nenas e nenos máis pequenos de 0 a 6 anos. Titúlase Nano Canta Croac, da artista Raquel Queizás, e celebrarase no Centro Cultural Lustres Rivas ás 12 da mañá, previa inscrición no correo electrónico normalizacion@ribeira.gal.

No Entroido Pequeno tamén continua o percorrido das charangas polas parroquias e o sábado a súa música chegará a Artes a partir das 6 da tarde e a Corrubedo a partir das sete e media. No domingo, estarán en Oleiros e en Olveira.

Outros artigos

Xoves seguen as choivas e temperaturas baixas para a época

Non se agardan cambios significativos para o xoves, xo que continuaremos baixo unha borrasca situada no Cantábrico. Así, agárdanse ceos parcialmente cubertos con chuvascos probables en calquera punto da Comunidade. As temperaturas non experimentarán cambios...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último de abril, primero de mayo. Que entre el bueno y salga el malo”. Este era el popularadagio al que, cada 30 de abril, se recurría para bendecir las casas. Provistos con una rama detojo empapada en agua bendita, la gente santificaba sus hogares con el propósito...

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

A parella está sen traballo e unicamente perciben pouco máis de 600 euros mensuais. Teñen dúas nenas de 4 e 6 anos. A pasada semana comeron pasta e arroz porque non dispoñían de diñeiro e a prestación non entra, no caderno do banco, ata o día dez de cada mes. Desde...