
Recoñecer oficialmente que o traballo das mariscadoras a pé implica a existencia de enfermidades profesionais foi, e aínda é en boa medida, unha loita pechada entre o que di a medicina e o que a administración tardou tempo en ter en conta. Mesmo en debates que, fai anos, se celebraron en plenos do Congreso dos Deputados nos que só os parlamentarios galegos e bascos defenderon a necesidade do recoñecemento da enfermidade laboral derivada dese traballo que as mariscadoras galegas demandaban.
Agora, un programa de prevención dos trastornos músculo-esqueléticos no marisqueo a pé de Galicia vai permitir constatar que, efectivamente, o labor das mariscadoras e mariscadores a pé, leva a este importante colectivo de traballadores do mar galegos a múltiples riscos de seguridade e saúde derivados da carga física en situacións climáticas desfavorables, coa consecuente aparición de enfermidades profesionais e danos físicos relacionados co mantemento de posturas forzadas,a realización de movementos repetitivos e a manipulación de cargas.
Así se tira do antedito programa deseñado por FUNDAMAR co apoio da Xunta, que inclúe a elaboración de infografías, vídeos e charlas informativas a pé de praia para o sector galego. Porque os profesionais do sector do marisqueo a pé -como moi ben se sabe na comarca do Barbanza- realizan a súa actividade laboral durante todo o ano cunhas condicións de traballo adversas en moitas ocasións.
Os trastornos músculo-esqueléticos (TMEs) son considerados na “Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2023-2027”, recentemente aprobada, como unha das áreas prioritarias a abordar para mellorar a saúde e seguridade laboral.
Con este proxecto de FUNDAMAR téntase promover a mellora da seguridade laboral a respecto das TMEs no sector do marisqueo a pé, así como a prevención de enfermidades profesionais incluíndo, nomeadamente, os trastornos músculo-esqueléticos que poden implicar.
Doenzas e lesións relacionadas cos músculos, tendóns, ligamentos, articulacións e ósos.
É unha demanda formulada polas mulleres mariscadoras galegas durante anos que, finalmente, en boa hora foi atendida.



