
Ecoloxistas en Acción interporá este martes ás 10.30 horas, ante os Xulgados de Noia, querela contra a empresa neerlandesa propietaria no navío causante do vertido por un delito contra o ambiente e os recursos naturais.
A organización lembra que o pasado 8 de decembro o buque Toconao, de bandeira de conveniencia, perdeu 6 contedores á altura de Viana do Castelo, preto xa de augas galegas. Un deses contedores, da empresa Bedeko Europe, contiña millares de sacos, de 25 kg cada un, cheos de millóns pellets de plástico, que se veñen esparexendo polas costas galegas.
Estas bolas de 5 mm de diámetro utilízanse para a fabricación de todo tipo de produtos, mais o seu reducido tamaño fai que sexan moi complicada a súa recollida unha vez que se mesturan coa area, denuncia a organización ecoloxista, lembrando que este vertido prodúcese “nunha zona na que ven de ampliarse a Rede Natura 2000 pola súa importancia como corredor ecolóxico de aves”. E engaden: “A vertedura é moi prexudicial para os ecosistemas mariños pois os peixes, aves e crustáceos confunden os pellets con ovas de peixe e inxírenos, causando mortaldade tanto pola toxicidade do plástico como por inanición, ao non poder alimentarse por ter o estómago cheo de plástico”.



