A Xunta mobiliza medios de recollida de sacos de pellets no mar para tratar de minimizar a súa posible chegada á costa

13 Xaneiro 2024

A Xunta acordou hoxe mobilizar medios aéreos e marítimos do Servizo de Gardacostas de Galicia para a busca e recollida
de sacos de pellets no mar co obxectivo de minimizar na medida do posible a chegada de máis residuos soltos -se eses sacos rompen- ás praias galegas.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou tras reunirse con técnicos de Meteogalicia e distintos responsables da Consellería do Mar que o Executivo galego activou dúas aeronaves -os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2-, cinco embarcacións de gran porte e outras sete patrulleiras para rastrexar sacos nas costas galegas. A estes medios engádese unicamente un avión mobilizado polo Goberno central.
Deste xeito, estes efectivos aéreos e marítimos realizarán unha busca activa dos sacos de pellets sen descoidar outras funcións que teñen encomendadas como a inspección e vixilancia pesqueira, o control e apoio á frota ou a colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo. O obxectivo, incidiu Ángeles Vázquez, “é recuperar cantos máis sacos enteiros mellor para evitar que cheguen milleiros de partículas soltas ás praias, o que dificulta a súa recollida”.
Ademais, destacou que se trata dun operativo por mar que Galicia pode activar froito de que sempre apostou por contar cun Servizo de Gardacostas propio, único en España e con importantes medios -aéreos, marítimos e terrestres-, para dar servizo á que é a maior frota pesqueira do país e un elo fundamental da cadea mar-industria da comunidade, da que viven directamente arredor de 40.000 persoas.
Este labor no medio mariño, incidiu Ánxeles Vázquez, é moi importante ante a previsión de empeoramento das condicións meteorolóxicas e marítimas especialmente a partir de mañá, “con correntes e ventos que fan que a probabilidade de que cheguen pellets á costa sexa maior se están flotando no mar”.
A vicepresidenta segunda detallou que este operativo marítimo se engade así ao persoal mobilizado en terra, que conta con máis de 300 efectivos, e que traballará ao longo do día de hoxe en máis de 50 praias pertencentes a 35 concellos. Ata o momento, engadiu, o seu labor permitiu retirar dos areais o equivalente a 80 sacos de pellets e máis de 1.500 quilos doutros residuos plásticos.
Ánxeles Vázquez -que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, pola directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto- urxiu a que o
Goberno central realice unha análise de riscos da situación.
“Queremos saber que pasou co contedor dos pellets, se hai sacos no seu interior, e que pasa cos outros cinco contedores que caeron ao mar. Iso permitiría estar mellor preparados para actuar e anticiparnos”, aseverou a representante do Executivo galego.
Ángeles Vázquez tamén anunciou que a vindeira semana a Xunta creará unha comisión técnica de expertos en ecotoxicidade á que se convidará ao Goberno central e a centros especializados co obxectivo de avanzar na elaboración de estudos sobre esta materia e
contribuír así a mellorar a seguridade das costas galegas.
Protocolos
A Xunta está a facer un seguimento constante da situación a través do Servizo de Gardacostas de Galicia en coordinación co 112 e o Sistema de Información Ambiental (SIAM) para monitorizar os avisos da chegada deste material á costa e informando aos concellos. Neste sentido, o Executivo galego apela á colaboración da cidadanía para que notifique ao teléfono 112 calquera achado de residuos nas costas galegas para que sexan incluídos nesa monitorización e pasen a integrarse no dispositivo de limpeza.
Nesta liña, a vicepresidenta segunda apelou a que as persoas que queren colaborar na recollida dos restos como voluntarios o fagan con responsabilidade, contactando cos concellos nos que pretenden actuar e así optimizar os traballos. De feito, incidiu, é
especialmente sensible o caso das limpezas en áreas protexidas desde o punto de vista ambiental, nas que é preciso solicitar autorización previa á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e onde se deben extremar as precaucións para non danar os valores destas áreas así como seguir as recomendacións para protexer os ecosistemas.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.