Para quen, como é o caso, exerciu a súa profesión de informador durante un tan longo periodo de tempo como son os máis de 50 anos adicados a este fermoso oficio de pretender dicir dese soño tan longamente acariñado, comprenderá o lector que non sexa unha outra cousa máis ca un sospiro se o que se tenta facer é falar da liberdade de expresión. Porque, a día de hoxe, crendo sinceramente na existenza desa liberdade de expresión gañada a pulso tras a morte de Franco, coido quaínda quedan moitos rescaldos do que foi unha dura represión do franquismo asumida agora polos que a viviron -moitos do meu tempo- e, nomeadamente, por menores de 45 anos que nunca souberon das consecuencias de ter nas costas o peso constante da censura previa e, posteriormente, do castigo imposto por publicar o que o Goberno franquista (sen Franco) non gostaba de ler.
A liberdade de expresión non foi máis ca un sono cumprido en certa medida cando nos finais do decenio dos 70 do século pasado -que lonxe quedan xa!- os xornalistas falabamos dos novos políticos cualificándoos de PNN (profesores non numerarios) polo feito de os comparar con aqueles que realizan as prácticas propias de cada principiante no cargo, moitos deles máis novos que bo número dos xornalistas exercentes. Malia todo, foi posible a relación amistosa -ás veces cómplice- entre eles e nós, o que permitía “saborear” os meles dunha “democracia” non exenta de multas e o paso polas dependencias policiais para dar conta do dito ou escrito no medio de comunicación correspondente.
Cando finou na cama dun hospital o xeneral que gobernou con man de ferro España, os que aquí quedabamos entendimos que, a partir dese momento, iamos ser “libres para podermos dicir a verdade e nada máis ca verdade”, que era o que consagraba o título I da Constitución Española de 1978 no seu artigo 20, ao recoñecer e protexer os dereitos a expresar e difundir libremente os pensamentos (os pensamentos, oian!), ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución.
O que nunca soñaramos!.
A formulación constitucional mellorábase co dereito á produción e á creación literaria, artística, científica a técnica. E, a maior abundamento, a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión.
Era inaudito: crear, expresarte en liberdade e difundir o teu pensamento. Item máis: o exercicio destes dereitos non podían restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa (se o souber Franco, morrería antes).
Iso sí: estas liberdades tiñan -e teñen- un límite: o respecto aos demáis, recoñecido no devandito título da Constitución cos preceptos das leis que o desenvolven e, específicamente, no dereito á honra, á intimidade, á propia imaxe e á proteción da xuventude e da infancia.
Bendita Constitución a de 1978, que tanto e tan ben nos fixo soñar a moitos -a outros nada ou pouco- ata que un nefasto 30 de marzo de 2015, a denominada “lei mordaza” nos espertou do soño tan ben acaído: unha lei que puxo condicións ao libre exercicio da súa profesión a, por exemplo, os xornalistas, que viamos recurtados os nosos dereitos porque a simple cobertura informativa dun acto de protesta podía ser considerada unha “acción de terrorismo”, en función de como se interpretaran algúns dos artigos desa mesma lei.
O que vivimos actualmente na confrontación político-xudicial contribúe a mermar esa liberdade?-
Estamos verdadeiramente no libre exercicio desta?.