“O que non quedou na aldea, foise na alma”- Antón Luaces

07 Decembro 2023

Dicir hoxe en día que Galicia é terra de migrantes é algo que non ten a máis mínima discusión. Consecuencia desta emigración foron as doazóns procedentes de xeito maioritario de países como Cuba, Arxentina, Uruguai, USA, México, Chile, etc., onde foron vivir (traballar sen descanso na maioría dos casos, pero tamén formarse noutros moitos). As sociedades galegas no exterior souberon constituír entidades que os acubillaban nos países de acollida e, ao mesmo tempo, preocuparse polos que en Galicia quedaban moitas veces sen máis contribucións económicas que as xeradas pola venda de crianzas de vacas, ovellas e galiñas, amais de froita, patacas, millo, trigo e outros produtos da terra. Porque a maioría dos migrantes procedían de pobos e aldeas onde non era doado atopar un traballo máis ou menos ben pago. Outra cousa eran os galegos profesionais do mar que, vía Francia, poñían rumbo a Rotterdam (Holanda) para aquí embarcar en buques de calquera nacionalidade europea. Algúns destes mariñeiros aproveitaban as viaxes que o seu barco facía a Estados Unidos de América para se quedaren ilegalmente neste país agardando a posibilidade de pasar a Canadá e regresar a USA cunha visa que lles permitía a residencia legal neste país. As cidades de Nova York e Newark eran os destinos preferidos destes galegos migrados non sempre legalmente..

Desde finais do século XIX e ata algo máis de mediado o XX, preto de tres millóns de galegos migraron da súa terra na percura de acomodo na outra banda do Atlántico. Na memoria de moitos concidadáns -entre os que me atopo- quedan os nomes e imaxes de buques que, como o Montserrat, atracaban nos anos 60 no peirao de Méndez Núñez do porto da Coruña para recoller, a carón do edificio de Aduanas (espazo ocupado actualmente polo edificio “Palexco”  ou “Ás de Gaivota”) ducias de migrantes cara a distintos países suramericanos. Posteriormente eran as estacións ferroviarias da Coruña e Vigo as que acubillaban a migrantes galegos que ían cara a Europa, nomeadamente de Alemaña, Holanda, Francia, Inglaterra, Suíza, etc., para atopar aquí a que para os migrantes galegos sería o equivalente á terra prometida do pobo xudeu.

Foron moitos os homes e mulleres de Galicia que optaron por emigrar ao estranxeiro. En menor medida as mulleres cara a América, algo que non se producía na mesma medida cando de ir a Europa se trataba porque nos países europeos a contratación das mulleres só tiña verdadeiras posibilidades no servizo doméstico e a hostalería e en América había menos posibilidades de emprego.

Moitos dos galegos migrantes remataron coa miseria dos familiares que aquí quedaban e aínda quedan. De paso, souberon por si mesmos o que é a liberdade, a igualdade, a fraternidade gañadas a pulso na súa andaina a trancos cara a independencia económica que a España daquel tempo non lles permitía.

Na outra banda do Atlántico agromou tamén unha solidariedade que non practicaba ninguén no seu pobo aínda podendo facelo: axuda mutua, compartir vivencias que só se producían para os galegos fóra do seu país, no estranxeiro -que non no era tanto-. En América espertaba un sentimento que non se producía na casa, en Galicia, por máis morriña que houbera que soportar. En América experimentaban un sentimento descoñecido en terra propia: a solidariedade.

Naceu a colaboración cos pobos que deixaran: os seus cartos serviron para amañar as súas casas, educar aos fillos, construír novas vivendas dotadas de cuarto de baño,  luz eléctrica, radio e televisión, mellores dieta alimentares… e naceu a axuda aos propios con  diñeiro que desde Amércia -non así desde Europa- serviu para levantar escolas, centros sociais, igrexas, monumentos.

Decatáronse, xa que logo, de que os máis pequenos podían beneficiarse do seu traballo no estranxeiro e compartiron ideas, proxectos, que se converteron en realidade  no pobo ou na aldea para que ao seu regreso a casa viviran o que nunca imaxinaran que poderían facer entre todos.

Cos seus cartos, camiños e carreiros pasaron a ser pistas ou estradas, as fontes de auga estaban nas casas, fixeron escolas, casas sociais, hospitais, sedes de concellos que, na actualidade cumpren outras funcións que asumen o Estado, a Xunta, as deputacións e os concellos e que, nalgúns casos, están pechadas ou, desgraciadamente, derrubadas polo desleixo e o abandono máis absoluto.

Na comarca do Barbanza, Boiro, Rianxo, Ribeira, con Muros incluído, quedan varios vestixios desas iniciativas dos migrantes:

En Boiro, parroquia do Saltiño, a sociedade Hijos del Ayuntamiento de Boiro, con sede en Arxentina, sufragou o custo da construción  da escola de ensino primario, cuxa sede está actualmente en estado ruinoso ou de abandono.

En Rianxo, parroquia de Leiro, inaugurouse en 1903 a casa-escola de ensino primario sufragada por Manuel Vicente Vidal, edificación que pasou a ser sede da Sociedade Cultural Vicente Vidal, o benefactor.

Rianxo, parroquia de Taragoña, a sociedade Hijos de Taragoña, con sede en Arxentina, promoveu e pagou en 1922 a construción da escola de ensino primario e orientación marítima (a primeira na que se impartiu este tipo de formación). Actualmente é sede do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña.

En Ribeira, parroquia de Palmeira, construíuse en 1929 un centro de ensino primario promovido pola sociedade Hijos de Palmeira, radicada en USA. Actualmente é a sede da Asociación Hijos de Palmeira.

E en Muros, Serres. Con diñeiro do migrante local Simón Cambeiro Sande, edificouse  no ano 1928 as Escolas Cambeiro, actualmente escola de educación infantil.

 Deste xeito pode dicirse que moitos dos galegos que emigraron a América, contribuíron coas súas ganancias a mellorar as condicións de vida dos habitantes dos seus pobos. Posiblemente algúns deles puideron evitar, grazas aos que migraron, coller a maleta forzadamente.

Outros artigos

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

+

“Benvidos campións” – Antón Luaces

Chegaron ao aeroporto Adolfo Suárez de Madrid-Barajas. Era primeira hora da tarde do luns. Visitaron aos Reis de España no palacio da Zarzuela e  ao presidente do Goberno na Moncloa. A continuación, nun autobús descuberto, fixeron unha ruada por Madrid que rematou en...

+

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

ESPAÑA, DOS ESTRELLAS Este país es imposible inventarlo. Ni Azcona con sus guiones, ni Berlanga con sus corrosivas estampas de lo cotidiano, ni Picasso con sus trazos fragmentados, ni Dalí con sus deformados dibujos, ni Valle con sus esperpentos, ni Carandell con sus...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

Ha terminado el Mundial y uno tiene la sensación de haber asistido a uncampeonato extraordinario pese a quienes lo organizaban. Porque, mientrasmillones de personas seguían con pasión cada partido, la maquinaria del fútbolmundial parecía empeñada en recordarnos que el...

“O pano negro” – Lois Alcayde Dans

“O pano negro” – Lois Alcayde Dans

Supoño que, como lle ocorre a moita xente, cando abro o meu álbum familiar máis vello, as fotos en branco e negro teñen de paisaxe tanto o campo como a cidade. Ambos aparecen coa normalidade do mesmo paso do tempo. Nas imaxes, o escenario de fondo faise difícil de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.