A parroquia rianxeira de Araño vai acoller os días vindeiros unha das grandes celebracións da tempada na comarca do Barbanza: a terceira edición da festa do Hórreo Vivo. Será no Centro Cultural da Capela, entre o 8 e o 10 de decembro.

Organizada polas Asociación Cultural A Carballeira de Baia e a Asociación de Veciños do Araño coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, a festa comezará o venres 8 con obradoiros para a rapazada (Asociación Avoar), ás 16.30 horas, que inclúen talleres de instrumentos de cana. Ás 18.00 horas será a quenda do teatro infantil con Onde está Larry? (con Teatro Calavera).
Ás 19.30 haberá obradoiros de chapas e máis de deterxentes naturais e, xa pola noite, están programados dous monólogos humorísticos con Celso Sanmartín e Oswaldo Digón. Ao remate dos monólogos dará comezo un concerto con The Cuncas.
Ao día seguinte, sábado 9, as actividades comezarán ás 16.00 horas con propostas diversas para a rapazada, como inchábeis, xogos xigantes tradicionais e de madeira (a cargo de Intantilandia). Ás 19.00 horas volverá o teatro infantil con O apalpador e as palabras perdidas (A Xanela do Maxín). Pola noite, ás 21.30 horas, haberá cea-baile.
A xornada festiva do domingo, adicado a Santa Baia, comezará no Campo da Carballeira con bombas de palenque, unha misa na honra de Santa Baia e unha gaiteirada con Gaiteiros de Buxaina. Ás 13.30 horas está prevista unha sesión vermú, unha mexillonada e un concerto con Chiña.
Como dixemos, organizan a Asociación Cultural A Carballeira de Baia e a Asociación de Veciños do Araño. Patrocina a Deputación da Coruña e colabora o Concello de Rianxo.



