
A concelleira de Igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla e a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, e Paloma Seijo, do CIM, presentaron a programación de cara ao 25 de novembro (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres) organizada polo Concello a través do Centro de Información á Muller de Ribeira (CIM).
Do 20 ao 24 de novembro realizaranse contacontos online dirixidos ao alumnado de educación Infantil e Primaria dos centros educativos municipais.
O 21 de novembro levarase a cabo un obradoiro contra as violencias sexuais no CIFP de Coroso dirixido ao alumnado de FP Básica de Industrias Alimentarias.
O acto institucional trasládase ao venres día 24 na praza de España co propósito de que os colexios poidan participar; a lectura do manifesto participativo desenvolverase ás 11:45 horas. E para rematar, o 25 de novembro realizarase un curso de Autodefensa no Complexo Deportivo A Fieiteira.
Ademais, o Concello está adherido á XI Andaina contra a Violencia de Xénero que organiza a Xunta de Galicia e que se abeira tamén á campaña De Fronte organizada pola Deputación da Coruña.
Ademais, dende o Consistorio repartiranse creatividades realizadas polo alumnado dos centros escolares aos comercios que queiran adherirse á campaña contra a violencia machista. A concelleira Cruz Rivadulla recalcou ademais que “a celebración do 25 ten o propósito de visibilizar a violencia que sofren as mulleres pero é preciso traballar todo o ano para acabar con este problema”.



