
As edís Antía Alberte, Veva Betanzos e Cruz Ruvadulla mantiveron unha reunión con distintas asociacións de Ribeira para organizar actos e coordinar accións de cara ao 25N no Concello (o 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres). O propósito desta reunión foi o de discutir e coordinar esforzos conxuntos para organizar actos conmemorativos e de concienciación en relación á dita xornada.
O Concello de Ribeira recoñece a importancia de concienciar á sociedade sobre a violencia de xénero e traballar en conxunto con organizacións comprometidas nesta causa. En palabras das concelleiras, a colaboración entre a Administración local e as organizacións da sociedade civil “resulta fundamental para abordar este grave problema que afecta ás nosas comunidades”. Ao encontro, o segundo celebrado con este propósito, acudiron organizacións como Cruz Vermella, Malas Herbas, Mulleres en Acción da Barbanza e Mulleres en Loita de Palmeira.



