A Academia Xacobea inviste este martes en Noia a cinco novos Académicos de Honra

13 Novembro 2023

A vila de Noia foi elixida pola Academia Xacobea para celebrar unha nova sesión solemne na que se procederá a formalizar o ingreso de cinco novos membros. O Salón Casino noiés acollerá este martes, 14 de novembro (ás 17.30 horas), o acto no que serán nomeados académicos de honra cinco destacados profesionais, de ámbitos diversos, pero “unidos todos eles polo seu interese polo Camiño de Santiago”. Trátase de Luis Alamancos Pampín, Carlos Baliñas Fernández, Maribel Outeiriño Rodríguez, Ricardo Pardo Gato e Pedro Piñeiro Lago. Os cinco ncorporaranse á Academia nunha sesión na que tamén tomarán a palabra o presidente e o secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo; o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Luis Alamancos Pampín (A Coruña, 1970) é director da Cátedra de Criminalística e Ciencias Policiais da Universidade LiberQuaré, director do Gabinete INPEVAL e do Centro INICA, profesor en diversos centros formativos, perito, criminólogo e investigador cunha ampla experiencia profesional, ademais de colaborador de numerosos medios de comunicación.

Carlos Baliñas Fernández (Cerdedo, 1930) é catedrático emérito de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que promoveu a creación das Licenciaturas de Filosofía, Pedagoxía e Psicoloxía e na que ocupou diversas responsabilidades. Ademais foi subdirector do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, do CSIC, e forma ou formou parte de institucións culturais como as fundacións Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Alfredo Brañas. Entre outros premios e recoñecementos recibiu a Medalla de Ouro da USC e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Maribel Outeiriño Rodríguez é unha veterana xornalista que exerceu a profesión en prensa e televisión durante máis de catro décadas. Ademais, é autora de dous guías sobre rutas xacobeas (O Camiño Mozárabe a Santiago (1999) e De Sevilla a Santiago polo Camiño Mozárabe (2010) editadas pola Asociación de Amigos da Vía da Prata de Ourense, entidade da que forma parte desde a súa fundación. Ambas as guías foron as primeiras editadas sobre ea ruta.

O avogado e doutor en Dereito Ricardo Pardo Gato (A Coruña, 1970) obtivo o seu doutoramento cum laude polas Universidades de Deusto, ICADE e ESADE por unha tese doutoral titulada O Camiño de Santiago á luz da historia e o dereito; traballo polo que recibiu tamén o accésit do Premio Internacional de Ensaio Camiño de Santiago. No ano 2004 incorporouse ao grupo de investigadores do Arquivo Catedralicio Compostelán, publicando distintos traballos sobre a peregrinación xacobea. Cabaleiro da Orde do Camiño de Santiago, o seu discurso de ingreso como Académico de Número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación versou sobre O Camiño de Santiago na lexislación galega e na xurisprudencia.

Pedro Piñeiro Lago (1957), farmacéutico, biólogo e empresario, formou parte de numerosas entidades empresariais, institucionais, sociais e deportivas, como a International Camellia Society, Portos de Galicia, o Real Club de Regatas de Galicia, a Federación de Confrarías Gastronómicas Galegas, a Real Liga Naval Española, a Real Federación Galega de Vela, a Fundación Luso Galaica ou a Asociación Mundial de Enoturismo. Ademais, é membro da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago e ten recibido numerosas distincións e condecoracións tanto nacionais como internacionais.

Outros artigos

Domingo con alerta laranxa nas rias baixas desde as 15 horas

Unha borrasca ao nordés de Galicia pon en alerta por forte vento ao litoral este domingo A presenza dunha borrasca ao noroeste de Galicia deixará forte vento no mar este domingo, con intervalos de forza 8 entre A Guarda e Sisargas. En terra espéranse refachos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Amor se escribe con H intercalada, Ahmor”. Manuel Dominguez

“Amor se escribe con H intercalada, Ahmor”. Manuel Dominguez

Me explico, si pronuncias amor, como habitualmente, nada ocurre, pero, si pronuncias amor con h, entonces tienes que inspirar aire, actúas con el diafragma, inhalas e inhalando aire, es el sentimiento del amor. Ese suspiro que causa la h del amor, es único. Me gusta...