A confederación COGAMI e a Consellería de Política Social, dúas entidades dirixidas por persoas da comarca do Barbanza (a primeira polo sonense Anxo Queiruga e a segunda pola ribeirense Fabiola García), formalizaron un convenio (APDF) para impulsar o desenvolvemento de programas de atención de persoas con discapacidade e familias, ademais de apoiar o mantemento tanto da confederación como das súas entidades membro, contabilizando arestora 58 asociacións. Cun financiamento que ascende a 1.746.961€, a través desta alianza darase impulso a servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida e autonomía destes colectivos,, cunha estimación que vai superar a atención de máis de 27.000 persoas a finais de ano.

Segundo informan as dúas entidades, a través do programa de información, asesoramento e orientación, ofrécese ampla información sobre cuestións como a accesibilidade, produtos de apoio, prestacións, axudas económicas, educación, lexislación e formación, dirixidos tanto ás persoas con discapacidade como ás súas familias e á sociedade en xeral.
Traballarase tamén na prevención da dependencia fomentando a saúde a través da realización de actividade física coa práctica de exercicios de ximnasia, natación e fisioterapia. Outro dos programas que se desenvolven a través deste convenio é o de intervención social, con especial incidencia na muller con discapacidade embarazada e lactante e tamén nas persoas con grande discapacidade.
“É importante sensibilizar e concienciar sobre a discapacidade, tanto ás persoas que a teñen como ás súas familias e, por suposto, ao resto da sociedade”, explican dende a confederación, engadindo que “neste convenio inclúense charlas de prevención de lesión medular, xornadas de sensibilización e concienciación coa discapacidade, así como aspectos psicosociais da discapacidade”.
Ademais, coa finalidade de mellorar a cualificación profesional e académica, ofrécese formación e intermediación laboral coa programación de cursos de formación básica e obradoiros combinados con accións encamiñadas a potenciar o acceso ao mercado de traballo, incorporando de xeito transversal o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución.
Outros programas que tamén se financian a través deste convenio están relacionados co fomento do voluntariado, coa programación e desenvolvemento de actividades de lecer para fomentar a participación social das persoas con discapacidade e tamén para apoiar o movemento asociativo para que poidan levar adiante os seus obxectivos.



