
Este venres 3 de outubro culmina “o proceso catárquico” no que se mergullou Terbutalina neste último ano, lanzando singles coma balas cos que pretendían sacudir o panorama musical galego. Foi o preludio pautado de Era cabra, que a banda de Esteiro (Muros) cualifica de “álbum definitivo”, un regreso á orixe tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e refortalecemento interno.
Este novo elepé está composto por oito temas “con sabor a Terbutalina”, explican os membros da banda, oito cancións que reflicten un período que estivo cargado de concentración, creación e gravación e que vén con importantes sorpresas, reencontros e regalos da vida.
Gravado e producido nos estudios A Ponte por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Smichtd nos estudios 24-96, a banda segue a apostar polas fórmulas que a converteron nunha das agrupacións máis destacadas do panorama musical galego: fórmulas baseadas na “confianza no talento propio”. E explican: “Estamos dispostos a reconquistar os pogos perdidos, as horas intempestivas e os quilómetros na estrada”.
Boa parte destes ingredientes puidemos velos o pasado verán, coa presentación do tema Que retemble o chan, o segundo dos catro títulos que a banda foi descubrindo antes da saída do álbum longo e que se revelaba como unha volta a orixe tras unha revisión dos seus principios máis esenciais.