
O PP de Ribeira, a través da concelleira María Sampedro Fernández, achegou ao pleno da Corporación unha proposta relativa aos problemas de seguridade que afectan á cidade e ao concello, uns problemas que veñen de lonxe pero que recruaron co último “episodio negro”, que foi o recente raiado de máis de 40 coches estacionados na céntrica rúa Cordieiro, un “acto vandálico que facía de novo saltar as alarmas e incitaba a reivindicar unha vez máis un aumento da seguridade e dos efectivos no noso concello”, indicou Sampedro.
“Dende o Grupo Municipal Popular”, engadiu a concelleira, “queremos manifestar a nosa preocupación pola falta de seguridade que se está a vivir no noso municipios nos últimos tempos. Sempre cremos que nestes casos a unión fai a forza, e forza é o que fai falta para que a voz dos ribeirenses se escoite ante as institucións que poden contribuír á mellora dun servizo imprescindíbel para o descanso e o benestar diario na vida dos nosos veciños”.

Coche raiado nas inmediacións da rúa Cordieiro, en Ribeira
Para o PP, é crucial que o Executivo local non só convoque aos veciños a facer fronte común a prol dunha meirande seguridade, senón que tamén “conte co respaldo do grupo o maioritario da Corporación municipal, que é o noso”. Así, indica, “Lonxe de buscar o consenso cunha declaración institucional ou coa convocatoria dunha Xunta Local de Seguridade, o goberno tripartito de Ribeira ofreceu outra nova mostra de pasividade cun tema de vital importancia, encomendando a responsabilidade á recollida de sinaturas veciñais”.
Na proposta o PP engade que “se ben é certo que no pasado pleno extraordinario aprobábase a contratación de dous axentes para o equipo da Policía Local, sabemos que iso é insuficiente. Levamos anos demandando o incremento de efectivos para a Policía Nacional, a última vez no mes de maio, e cremos que é necesario volver alzar a voz. Están a facelo os veciños, a propia Asociación de Empresarios facíao tamén (unha vez máis) e esta Corporación municipal debe reafirmar o seu compromiso coa seguridade cidadá. Cómpre ampliar o catálogo existente, algo ao que se comprometera o ministro socialista Grande-Marlaska”. O PP tamén lembra que a actual Comisaría de Policía Nacional, inaugurada o pasado ano, conta con 67 funcionarios cando debería ter 80, como mínimo. Na proposta os populares avogan por “facer especial énfase na consecución de efectivos para outras brigadas especializadas, como temos falado con representantes do SUP, pois somos conscientes de que boa parte dos problemas de delincuencia existentes veñen derivados do consumo de sustancias”.
É por iso que propoñen ao pleno a seguinte proposición
1- “Mostrar a unión da Corporación municipal na defensa dun asunto tan sensíbel para os ribeirenses como é o da seguridade cidadá”.
2- “Reiterar a solicitude de ampliación do catálogo para a Policía Nacional de Ribeira, resultando a todas luces insuficiente a existente hoxe en día para una localidade do noso tamaño”.
3- “Solicitar a creación dun grupo específico para o menudeo, de entre 4 e 6 axentes, así como un grupo de estranxeiría, de alomenos 3 axentes”.
4- “Dar traslado ao Ministerio do Interior, á Dirección Nacional da Policía do Ministerio do Interior, á Delegación do Goberno en Galicia e á Xefatura Superior da Policía de Galicia”.



