A Xunta de Galicia transferirá o vindeiro ano unha partida de 12 millóns de euros aos concellos galegos co fin de compensar o impacto que terá o imposto estatal sobre o verquido e a incineración de residuos sobre o prezo destes servizos e, polo tanto, na economía da súa veciñanza.
En concreto, a achega económica do Goberno galego farase a través do Fondo de cooperación local, unha ferramenta de financiamento ás entidades locais para facilitarlles o exercicio das súas competencias e que consta dunha parte xeral e doutra adicional, na que se inclúen precisamente estes 12 millóns.
O reparto deste fondo adicional poderá facerse en función do número de habitantes dos concellos ou ben das cotas actuais do tributo, co fin de incentivar un uso eficiente dos recursos e minimizar os residuos destinados aos vertedoiros.
Cómpre indicar que estes impostos obrigan aos xestores de residuos domésticos, como é o caso de Sogama, a repercutilos no importe do canon que abonan os concellos aos que presta servizo (295 dos 313 de toda Galicia). Deste xeito, o canon fixado para o ano 2024 quedará en 78 euros por tonelada.
A Xunta opúxose desde o principio ao establecemento de novos gravames ao verquido e á incineración do lixo, unha das novidades incluídas de forma unilateral polo Goberno na Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular, aprobada en 2022.
De feito, o Executivo autonómico presentou alegacións no seu momento contra o establecemento destas novas cargas impositivas, defendendo a aplicación dunha política de incentivos a concellos e cidadáns en materia de xestión de residuos fronte a medidas que, como esta, teñen un efecto evidente de penalización.
Por iso, a Xunta decidiu neutralizar o efecto da aplicación en Galicia destes novos impostos estatais incorporando ao Fondo de cooperación local de 2024 unha partida de 12 millóns de euros destinada a compensar a súa repercusión en concellos e cidadáns.




