Conta atrás para o comezo da VI Mostra Internacional de Cinema Mares da Fin do Mundo (Outes)

27 Outubro 2023

A VI Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada por primeira vez pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinada pola Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Outes, celebrárase entre os días 1 e 5 de novembro en Outes. A edición 2023 da MDFDM 2023 mantén a estrutura de proxeccións da anterior edición, exhibindo un total de 24 filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións. Estas terán lugar durante as tardes no auditorio da Casa da Cultura (A Serra de Outes) e estarán complementadas con actividades paralelas que se celebrarán de mañá no Centro Náutico do Freixo. Como novidade, está previsto que o sábado, día 4 de novembro, as actividades de mañá se celebren no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira, Estaleiro de Ciprián.

Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra.

Competición Oficial

Mantendo o formato da anterior edición, Mares da fin do Mundo contará cunha Competición Oficial na que participarán quince obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2022, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. Mantéñense os dous premios da Competición Oficial, incrementándose a dotación económica dos mesmos. Estes premios son: o Premio do Público (trofeo “O Sancosmeiro”, cunha dotación económica de 2000 €), e o premio á Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro”, cunha dotación económica de 1000 €), outorgado por un xurado profesional.

A continuación, os filmes que forman parte da competición:

Aralkun (Daniel Asadi Faezi e Mila Zhluktenko, 2022)

Bloom (Helena Girón e Samuel Delgado, 2022)

Confine liquido (Andrea Scimone, 2022)

Daughter of the Sea (Nicole Gormley e Nancy Kwon, 2023)

Happy Life (Galina Leontieva, 2023)

Haulout (Evgenia Arbugaeva e Maxim Arbugaev, 2022)

L’Effort des hommes (Jean-Gabriel Périot, 2022)

Mission microbiome (Giulia Grossmann, 2022)

Mmrrssmm… Xeosónica # 1 Atlántico (Andrés Mahía, 2022)

Piblokto (Anastasia Shubina e Timofey Glinin, 2023)

Requiem for a Whale (Ido Weisman, 2022)

Riacheros (José Antonio Ortiz Sabido, 2022)

Shiramplari: Herencias del Río (Lucía Flórez, 2022)

Squid Fleet (Ed Ou e Will N. Miller, 2023)

Twilight Dream (Amanda Cots e Angel Suárez, 2022)

Segundo fixeron saber na presentación Anxo Núñez (tenente de alcalde e Concelleiro de Patrimonio e Cultura de Outes) e Marcos Gallego (director da Mostra), trátase de quince filmes de once nacionalidades distintas e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego), centrados na pesca sustentábel e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais. Nesta edición, dixeron, “queremos abrir un debate crítico e reflexivo sobre a necesidade da pesca e consumo de mamíferos mariños e o impacto medioambiental desta práctica. Moitos destes títulos terán a súa estrea nacional en Outes”.

Proxeccións especiais

MDFDM2023 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que abordan os temas centrais da Mostra e ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos.

Nesta sexta edición, a sección Popa contará coa colaboración da Cinemateca Portuguesa – Museu do Cinema a través do Proxecto FILMar, que ten como obxectivo a identificación, preservación, dixitalización e promoción do patrimonio fílmico relacionado co mar, contribuíndo a un maior coñecemento da presencia do mar na historia do cinema portugués. Para esta sección, escolléronse cinco títulos que reflicten a diversidade das artes, preservación e tratamento da pesca, amosando como esta era unha práctica social e comunitaria, en moitos casos motor de resistencia fronte ás

violentas e inxustas condicións de traballo dos pescadores e das súas comunidades. “Os filmes son exemplos documentais dun tempo vivido e herdado”, sinalaron Núñez e Gallego.

Nesta sesión, proxectarase ademais un dos primeiros documentos históricos da pioneira Invicta Films, que no 1913 rexistrou O naufraxio do Veronese, que saíra do porto de Vigo, nunha fría noite de xaneiro, para naufragar na costa portuguesa. As outras catro obras son: A almadraba atuneira, de António Campos (Portugal, 1961), Tin Sardines, de Leitao de Barros (Portugal, 1935), Pesca do bacalhau, de Fims Sanmael (Portugal, 1931) e A indústria baleeira, de José César de Sá e António Antunes da Mata (Portugal, 1932).

Por outra banda, os documentais que integrarán a sección Proa serán A Taste of Whale, do director francés Vincent Kelner (2022), e The Whale from Lorino, de Maciej Cruske (Polonia, 2019), que documentan a pesca de baleas en dous puntos da xeografía mundial como son as Illas Feroe e Chukotka, no extremo nororiental de Siberia.

O filme que inaugurará a VI Mostra MDFDM será Matria, de Álvaro Gago (España, Galicia, 2023), unha obra baseada en feitos reais que documenta a vida de Ramona nun pobo pesqueiro de Galicia, sumida nun tenso e impredicible contexto laboral e social, que a leva a sacrificar todo polo futuro da súa filla Estrella. O filme tivo a súa estrea mundial no Festival de Berlín, e proxectouse posteriormente no Festival de Málaga.

O sábado 4 de novembro proxectarase , no marco dunha actividade especial da Mostra, a obra Caneliñas, a costa das baleas , de Paula Castiñeira & María González (España, Galicia, 2021). Unha obra sobre a importancia que a factoría baleeira de Caneliñas e a pesca desta especie tivo na Costa da Morte durante moitos anos, sendo un dos principais motores económicos da zona, chegando a situar Cee no panorama internacional.

Asemade, o mércores día 2 de novembro proxectarase unha obra producida pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, organizadora da Mostra, e dirixida por Vanessa Martínez (España, Galicia, 2023). Entre redes, protagonizada por Rogelio Santos Queiruga, Mercedes Silva e María Maceiras, xira arredor destes tres profesionais do mar, que comunican nas novas plataformas o seu día a día, divulgando e poñendo en valor o mesmo, ao tempo que fan pedagoxía da importancia de coidalo dende o punto de vista da sostibilidade.

O domingo 5 de novembro, despois da proxección da sección Popa, terá lugar o acto de clausura da sexta edición coa entrega de premios.

Actividades paralelas (con saídas no veleiro Joaquín Vieta)

Igual que en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Nas mañás do mércores, venres e domingo, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes. Nesta edición, contarases ademais cunha actividade de navegación para persoas con diversidade funcional, grazas á colaboración coa Asociación ADECO – DEA, entidade que promove o deporte adaptado.

O xoves celebrarase a habitual gravación e emisión dixital en directo do programa Mar de Ardora da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a Mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será A sostibilidade dos festivais de cinema no rural, na que participarán profesionais do sector audiovisual. O sábado, no incomparable marco do Estaleiro de Ciprián e, aproveitando a proxección da obra interactiva Caneliñas, celebrarase unha actividade denominada Crónicas do Mar, cuxa temática xirará en torno á relación da literatura, o xornalismo e o cinema coa pesca artesanal e o medio ambiente mariño. Celebrarase tamén unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela coa colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín por medio da súa marca Azul de Portosín.

Do mesmo xeito, nesta edición, volvemos contar en MDFDM cunha exposición fotográfica na Casa da Cultura de Outes. Nesta ocasión, poderase gozar da obra de Antonio Nodar 2222: o ano da serpe, un relato futurista sobre o cambio climático, sustentado en imaxes actuais. Este proxecto constrúese coma unha alternativa visual de ficción no ano 2222, utilizando modificacións de cor e luz.

Outros artigos

Luns con chuvascos intermitentes diminuindo pola tarde

Tras o paso da fronte da xornada anterior, Galicia queda este luns na área de chuvascos. Agárdase unha xornada de ceo cambiante e chuvias intermitentes que irán remitindo ao final do día; poderán ser de neve por riba dos 1200 metros. As temperaturas seguirán sen...

+

A Pobra prende as luces de Nadal

Numerosa veciñanza achegouse na tarde deste 2 de decembro á praza Alcalde Segundo Durán para asistir ao acto de acendemento do alumeamento do Nadal. Foi un evento organizado pola Concellaría dos Servizos Municipais. Animadas pola charanga Xuntanza e cun dos elfos de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Amor se escribe con H intercalada, Ahmor”. Manuel Dominguez

“Amor se escribe con H intercalada, Ahmor”. Manuel Dominguez

Me explico, si pronuncias amor, como habitualmente, nada ocurre, pero, si pronuncias amor con h, entonces tienes que inspirar aire, actúas con el diafragma, inhalas e inhalando aire, es el sentimiento del amor. Ese suspiro que causa la h del amor, es único. Me gusta...