Maioritariamente, as peticións de axuda ao 112 Galicia estiveron relacionadas coa presenza de árbores e pólas nas vías de circulación ou cos traballos dos servizos de emerxencias para previr riscos maiores, como o apuntalamento de muros e tellados. É importante sinalar que ningún deles se saldou con danos persoais.
Os datos recollidos no Centro Integrado de Atención ás emerxencias entre as 12 horas do mércores e o mediodía do xoves reflicten 369 incidentes, provocados polas intensas chuvias e o vento que afectan á comunidade, na que permanecen activos varios avisos de nivel amarelo e laranxa.
Deste xeito, as árbores e pólas supuxeron 131 das incidencias rexistradas no 112 Galicia, seguidas dos anegamentos e bolsas de auga nas estradas (60), prevención de riscos (47 casos), anegamentos de rúas (34) e asolagamentos en vivendas (16).
As provincias máis afectadas pola acción dos ventos e das chuvias son, con diferenza, A Coruña (168) e Pontevedra (145). As de Lugo e Ourense, con 38 e 18 respectivamente, non sufriron con tanta intensidade os efectos da meteoroloxía adversa.
Os concellos máis afectados son os de Santiago, con 25 incidencias rexistradas, e A Coruña, con 7, no caso da provincia da Coruña. En Pontevedra, destacan a cidade de Vigo, con 16 incidencias; Pontevedra, con 13, e Tui, con 8. En Ourense, O Barco de Valdeorras sumou 3 incidentes, a mesma cifra que nos concellos lucenses de Friol e Ribadeo.
Incidencias destacadas
Aínda que sen feridos, cómpre destacar un accidente no quilómetro 29 da AP-9F que se rexistrou esta mañá en Fene. Neste, un coche sufriu unha saída de vía por mor dunha bolsa de auga, colidindo contra a medianeira. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Mugardos, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autoestrada.




