A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 dará comezo este luns 23 cunha charla inaugural titulada “Palestina e Israel: ninguén está a salvo”, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago. No coloquio intervirán o patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), o economista Jesús Núñez Villaverde, e a xornalista e directora adxunta do diario Público, Esther Rebollo. A asistencia é gratuíta, previa retirada de invitación en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/minisite/139) ou no despacho de billetes do
Teatro Principal, unha hora antes da sesión.

Os relatores repasarán as raíces históricas e socioeconómicas que alimentan esta contenda de Oriente
Medio, así como os seus últimos acontecementos, a estratexia bélica, o estado da información e a desinformación e, finalmente, a crise humanitaria e as consecuencias para a poboación. “A guerra en Palestina non empezou o pasado 7 de outubro” –indica Núñez–. O economista explica que desde hai anos Israel converteu Gaza en “a maior prisión do planeta ao aire libre”, desatendendo as súas obrigacións como potencia ocupante e castigando colectivamente á poboación alí encerrada en contra do dereito internacional.
Igualmente, Núñez sinala que Hamás e o resto dos grupos implicados na “condenable operación realizada en territorio de Israel”, cometeron unha clara violación do dereito internacional. “A súa acción non axuda á causa palestina e só realimenta un ciclo de acción e reacción violenta que en ningún caso vai servir para mellorar o nivel de benestar e seguridade da poboación palestina nin para alcanzar o soño de contar cun Estado propio. A violencia que Israel está a aplicar agora mesmo contra Gaza e a súa poboación constitúe unha nova violación do dereito internacional que debe ser condenada sen paliativos” –manifesta–.
Jesús Núñez é experto en relacións internacionais, seguridade internacional, construción da paz e prevención de conflitos violentos e mundo árabe-musulmán. É Economista pola Universidade Autónoma de Madrid e militar retirado. Tamén é profesor de Relacións Internacionais na Universidade Pontificia de Comillas, así como codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), membro do International Institute for Strategic Studies, presidente do Comité español da UNRWA e patrón da Fundación
Araguaney.
Esther Rebollo é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Asuntos Internacionais pola Universidade Externado de Colombia. Actualmente é directora adxunta de publico.es. Entre outros acontecementos informativos, cubriu o tsunami asiático de 2004, terremotos e outros desastres naturais, terrorismo islámico en Indonesia e Filipinas, golpes de estado, conflitos armados en Filipinas, Indonesia e Colombia, procesos de paz, e cumes de Estado e Goberno. Ademais, entrevistou a presidentes e altas personalidades de todos os continentes. A súa última cobertura foi en Iraq, con motivo do 20 aniversario da invasión e a caída de Sadam Husein.
Proxeccións de martes a sábado no Teatro Principal
Baixo o lema “NINGUÉN ESTÁ A salvo”, e cunha imaxe sombría en cor negra, esta edición 21 de AMAL rende homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, que sacudiu o país o pasado 8 de setembro con epicentro na cidade de Ighil e deixando atrás a miles e miles de vítimas; do mesmo xeito que sucedeu na cidade libia de Derna, onde a auga arrasou con todo ao seu paso, incluídas infinidade de vidas humanas; e un mes máis tarde, as bombas están a destruír os soños do sempre esquecido pobo de Palestina.
A charla estará presentada polo director de AMAL e presidente da Fundación Araguaney- Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, que comentará como a recadación do festival destinarase aos afectados polo terremoto de Marrocos e as inundacións en Libia a través de Cruz Vermella.
As proxeccións da semana do cinema árabe serán do martes 24 ao sábado 28 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21). O primeiro día, o luns 23, celebrarase unha charla inaugural gratuíta sobre Palestina, ás 21 horas no Teatro Principal. Proxectaranse cinco cintas –catro películas de ficción e un documental– que se poderán ver nun pase único por día de martes a sábado ás 21:00 horas. As entradas terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venda en Ataquilla.com:
https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/minisite/139
Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección. A primeira sesión de cinema de AMAL 2023 será o martes 24, coa longametraxe de ficción “Conspiración no Cairo”; o mércores 25 a película “Entre as figueiras”; o xoves 26 a película “The Sage”; o venres 27 o documental “Little Palestine, Diary of a Siege”; e o sábado 28 a ficción “O caftán azul”.
Semana de cociña árabe no restaurante Caney
Como complemento de AMAL 2023, o restaurante Caney de Santiago (rúa Alfredo Brañas, 5) ofrece un menú de gastronomía árabe con motivo da Semana de Cinema Euroárabe Amal 2023.
Trátase dunha proposta que engloba pratos tradicionais das cociñas de Palestina, Xordania, Líbano, Exipto, Turquía ou Marrocos. Os amantes da gastronomía árabe e aquelas persoas interesadas en descubrir os seus pratos poden achegarse a próxima semana, de luns a sábado, ao restaurante do Ensanche para probar un exquisito menú árabe, no que se presentan oito entrantes ou mezzes variados, e unha proposta de segundos pratos e dúas sobremesas, que se poderán degustar de forma individual, sen necesidade de pedir un menú completo (Información e reservas no restaurante Caney: 981 559 603).
– Consulta programación en www.amalfestival.com –



