O sábado 28 e o domingo 29 desenvolveranse en Rianxo as Xornadas por un Monte Vivo. Farano cunha primeira quenda en Campo Maneiro (Taragoña) e a segunda no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro, respectiamente. Con este evento preténdese amosar a diversidade de aproveitamentos que ofrece o monte comunal, así como as diferentes estratexias a implementar na procura da sustentabilidade.

Nun plan o máis concreto, as xornadas teñen unha clara vontade de mobilizar á cidadanía a participar de xeito activo: “Queremos que a veciñanza se implique na xestión activa do territorio, visibilizar boas prácticas das comunidades de montes e inspirar a outros axentes a traballar en rede cara a unha maior sustentabilidade no aproveitamento dos seus territorios”.

As xornadas veñen da man da Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo e o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que buscan dar continuidade á colaboración entre ambas entidades desde 2021 impulsando unha fin de semana ateigada de actividades abertas á participación da cidadanía.
A orixe destes encontros está nos incendios que asolaron o territorio de Rianxo en e que motivaron a constitución da Plataforma en Defensa do Monte –formada por oito comunidades de montes de Rianxo e pola asociación Fousas ao Monte–, co obxectivo de “promover un cambio de modelo”, que na actualidade está caracterizado polos monocultivos forestais, as dificultades para levar a cabo unha xestión activa do monte e os incendios recorrentes, sinalan.
“Queremos entender as condicións específicas da contorna, promover procesos de planificación e ordenación de usos; intervencións sobre o territorio con carácter exemplar; e accións de documentación, comunicación e divulgación do proceso”, sinalan dende as entidades organizadoras das xornadas, que contan coas seguintes colaboradoras: CMVMC de Baroña; Fundación Montescola, Verdegaia e Brigadas Deseucaliptizadoras; CEP Brea Segade; IES Félix Muriel e O Baixo Ulla.
Programa
Sábado 28 de outubro no Campo Maneiro, Taragoña
-Visita guiada ao espazo demostrativo do Fieitoso dirixida polo alumnado do CEP Brea Segade
-Sesión formativa para a resinación de piñeiros
-Obradoiro sobre a transformación de madeira con serradoiro portátil
-Xantar comunitario
-Pastoreo de cabras para a limpeza de terreos
-Roteiro comunitario comentado desde O Fieitoso ata Ourille pasando por Paradela e o Castro
Barbudo
-Magosto
Domingo 29 de outubro, no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro
–Traballos comunitarios, rexeneración de áreas degradadas por presencia de acacia e eucalipto
(require inscrición)
-Visita á plantación experimental de castiñeiros de Leiro
-Xantar comunitario para os voluntarios dos traballos comunitarios da mañá
-Presentación de Cando eramos sostibles, o libro do Laboratorio Ecosocial do Barbanza
-Charlas-debate
-Fin de festa
Participación
A participación en todas as actividades é aberta. Porén, é precisa a inscrición para ter parte activa nos traballos comunitarios da xornada do domingo 29 de outubro e o xantar posterior. As persoas interesadas enviarán un correo electrónico a info@barbanzaecosocial.org indicando o seu nome e apelidos, data de nacemento, teléfono, email, concello de residencia, se desexa asistir ao xantar comunitario e, nese caso, alerxias ou intolerancias alimentarias.
Máis información proximamente en barbanzaecosocial.org.




