“Non vivo da pesca, pero sen ela non podo vivir” – Antón Luaces

É un vello dito este titular, que ven ao pelo nestes días nos que Vigo, unha outra vez, transfórmase na capital mundial do sector atuneiro, acontecemento que se produce cando, desde distintas organizacións medioambientalistas, dirixen á cidade olívica, todos os dardos acusatorios no senso de acusar ás autoridades locais de non impedir a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, sen diferenciar ese tipo de pesca da actividade ilícita que, anos atrás, practicaban algúns empresarios autotitulados “armadores” de buques de pesca.

O caso é que Vigo ven ser estes días un escaparate internacional no que o atún é a estrela. E esta da luz a un país, España, que ocupa o primeiro lugar no ámbito atuneiro da UE, cun 85% do volume de capturas e un 70% do total da produción comunitaria de transformados de atún.

Con estes datos, non sorprende que a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, subliñara o compromiso do sector atuneiro español coa xestión sustentable da súa actividade, na súa tripla vertente económica, social e medioambiental. Tamén fixo fincapé  na necesidade de incorporar as novas tecnoloxías para incrementar a calidade dun produto que xa é moi apreciado polos consumidores.

Isabel Artime participou este xoves pola tarde na inauguración da XI Conferencia Mundial do Atún, que se celebra en Vigo os días 14 e 15 de setembro organizada por ANFACO-CECOPESCA, a quen felicitou Artime por converter a cidade galega na capital mundial do sector atuneiro.

Na súa intervención, a secretaria xeral de Pesca salientou a importancia do sector atuneiro español, tanto a nivel nacional coma comunitario e internacional. Pediu asimesmo Isabel Artime que, ante o reto de competir nun mundo global, se xunten esforzos para garantir que todos os operadores compitan en igualdade de condicións, e asegurou que a ciencia é o noso mellor aliado para garantir a sostibilidade do sector pesqueiro a medio e longo prazo, non só para contar con mares e océanos sans e produtivos, senón tamén para potenciar a innovación que contribúa a que o sector sexa rendible e competitivo. Neste senso, España aposta porque a  toma de decisións na xestión pesqueira estea baseada no mellor coñecemento científico dispoñible. Porque o esforzo do sector, dixo Artime, co apoio da administración pública, acadou que a frota española teña os mellores estándares en aspectos como as condicións sociais, seguridade, control, boas prácticas pesqueiras e sanidade.

A Secretaría Xeral de Pesca, precisou a titular deste departamento, intensificou o seu labor na loita contra a pesca ilegal non declarada e non regulamentada (IUU), o que evidencia o compromiso do Goberno coa erradicación desta lacra.