O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou o tempo de demora das axudas aos mariscadores afectados polo paro decretado en xaneiro pola Consellería do Mar, demora que xa chega aos 8 meses, dixo. Torrado presentou unha pregunta en Comisión na que criticou o “desleixo” dunha Xunta que “nega a caída de produción marisqueira para evitar ofrecer solucións”.

O parlamentario socialista lembrou que a Administración galega abriu a liña de axudas catro meses despois do paro, e un mes antes das eleccións municipais, “como se os afectados tivesen a posibilidade de esperar tanto tempo sen axudas económicas de ningún tipo”. O deputado destacou que “non se trata de contestar ao Partido Socialista se non de resolver o problema” xa que oito meses sen ter a capacidade de responder “é unha demora inxustificábel”.
Explicou que “a Xunta decretou o paro en xaneiro, pero ata abril non emitiron a orde que o regulaba, tres longos meses nos que o marisqueo viviu nunha incerteza”. Lembrou que o sector tivo de marxe ata 2 de xullo para solicitar e presentar toda a documentación, “e dende entón que volveu a desaparecer a información e non existe concreción nin ningún dato sobre o que vai suceder, nin cando”, concluíu Torrado.
O representante socialista quixo denunciar o “desapego da realidade” do Goberno galego, que pide non falar da problemática do marisqueo para evadir as solucións necesarias e non asumir o problema. Acusou á Xunta de darlle máis valor á pelexa polo relato parlamentario que a produción marisqueira, algo que considera “non debería ser así”. “Decretar un paro pola imposibilidade de extracción recoñece un problema que a Xunta nega”, concluíu.
Lembrou ademais que a administración “tras dicir que foi culpa de que non había informes suficientes” e que os solicitantes cometeran erros, agora a Consellería afirma que as solicitudes están resoltas dende finais de agosto, pero a realidade é que “non se sabe nada diso e non se cobraron aínda. O deputado emprazou á Xunta a “traballar algo máis que o xastre de Tarzán”.
Apuntou que a Xunta, “quen é a responsábel de decretar o paro, de convocar as axudas e de resolvelas, está a provocar unha enorme inseguridade no sector que, ao problema da perda de produción das rías sobre a que o Goberno galego non actúa decididamente, ten que sumar a letanía dos procedementos e a demora inxustificada”.
Caída da produción
A maiores puxo o foco no “grave problema do sector marisqueiro de Galicia”, que está na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha “intervención clara e con decisión de calado” sobre a situación das rías. Insistiu en que esta difícil situación para os mariscadores precisa visión e claridade por parte do organismo máximo responsábel como é o Goberno de Galicia.
Torrado sinalou que “unha das graves consecuencias que trae a perda de produción nótase claramente nas épocas de libre marisqueo, onde a cantidade de produto está a ser cada vez menor e atópanse escenarios que precisan de peches anticipados e de necesidades de vedas para buscar a rexeneración, e por este motivo tivo que decretarse o paro da actividade extractiva”.



