Denuncian á mineira de San Finx ante a relatora especial da ONU polo “uso de denuncias abusivas”

11 Setembro 2023

A plataforma Ecoloxistas en Acción vén de poñer en coñecemento da relatora especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos, a irlandesa Mary Lawlor, o uso sistemático de denuncias abusivas e infundadas por parte da empresa mineira de San Finx, Tungsten San Finx S.L., contra as organizacións ecoloxistas e sociais que veñen denunciando a situación ilegal da explotación e os danos ambientais que causan as súas verteduras, a tan só 7 quilómetros da ría de Muros e Noia.

A base desta acción da plataforma é unha nova querela contra a mesma imposta pola empresa, desta volta por un acto simbólico realizado o pasado 5 de xullo no que se taponou durante breves instantes o tubo a través do que a empresa realiza vertidos ilegais.

Precisamente a raíz desta protesta e dos escritos remitidos a Augas de Galicia por ese colectivo e a plataforma comarcal contra as verteduras, vense de iniciar un procedemento sancionador que podería carrexar unha sanción de ata 300.000 euros á empresa, logo de comprobarse que os niveis de cadmio no río a poucos metros do tubo taponado superan 78 veces o máximo legal permitido.

A raíz da nova denuncia da empresa, que os ecoloxistas cualifican de “falsa” (e que atribúe a Ecoloxistas en Acción un suposto delito de danos), o Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia abriu dilixencias, sendo chamado a declarar como investigado o representante da organización. Para as ecoloxistas, “isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de calarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública”, coñecidas como SLAPP en inglés, e que a Comisión Europea anunciou que perseguiría mediante a nova “Directiva SLAPP”.

A organización lembra que se trata da segunda vez, en menos dun ano, que o grupo australiano presenta unha denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción, que xa fora denunciada en 2022 ante o Xulgado de Negreira baixo un pretexto similar, meses antes de que a Xunta declarara a caducidade das concesións mineiras e de que se iniciase un procedemento sancionador por verteduras ilegais contra a mina de Santa Comba. Daquela, o Xulgado arquivou a demanda de inmediato por “carecer de fundamento”.

Aínda que desde a organización ecoloxista confían que o resultado desta volta será idéntico, decidiron denunciar o caso ante a relatora especial da ONU por tratarse, ao seu xuízo, “dun uso sistemático do acoso xudicial tentando criminalizar e coartar os movementos sociais para que non denuncien as ilegalidades cometidas polas empresas”. Esperan deste xeito que “a relatora, que vén denunciando este tipo de prácticas en todo o mundo, se dirixa ás autoridades xudiciais españolas para tomar medidas contra a empresa”. En calquera caso, advirten que “ningún tipo de acción xudicial ou ameazas doutro tipo fará con que cese no seu traballo de denuncia das ilegalidades da mina de San Finx”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.