O Concello de Boiro colabora coa III edición da Andaina Solidaria JEALSA-Barbantia que terá lugar o vindeiro domingo 24 de setembro para recadar fondos en beneficio da fundación STOP Leucemia.
Trátase dunha andaina de 12 quilómetros con saída e meta na Praza de Galicia, “unha proba moi sinxela para que todo o mundo poida participar e que fai un percorrido por boa parte do noso municipio”, afirmou Manolo Gómez.
O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación xunto co presidente de Barbantia Roda, Manolo Gómez; a directora de Relacións Institucionais de JEAÑSA, Margarita Hermo, e Carlos Pérez e Diego Beltrán da fundación STOP Leucemia; e representantes de empresas colaboradoras.
O prezo da inscrición é de 5 euros e todo o recadado será en beneficio do grupo de Hematología Computacional y Genómica da fundación STOP Leucemia. “Todos nuestros esfuerzos aspiran a mejorar la investigación con inteligencia artificial y que se pueden llevar a cabo gracias a aportaciones como estas”, afirmou Diego Beltrán.
“Seguimos a dar apoio a entidades que traballan na investigación e estamos moi agradecidos a todas as empresas que este ano se uniron nesta causa”, afirmou Margarita Hermo. Colaboran empresas do municipio como son Chicolino, Farmacia Cimadevila, Clínica Dental Rebeca Ozores, Pastelería Belén ou Triñanes.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, animou a toda a veciñanza a participar: “Boiro sempre se implica en causas solidarias e estou seguro de que esta andaina volverá ser un éxito”. As inscricións están xa abertas e poden facerse a través da web emesports.es ata o día antes, e tamén de maneira presencial no mesmo día da proba. Coa inscrición inclúese unha camiseta conmemorativa da proba ata agotar as existencias.




