Boiro acolle este xoves 21 unha mesa redonda arredor do seu ilustre veciño Ramón Martínez López

20 Setembro 2023

A Casa da Cultura de Boiro vai acoller este xoves 21 de setembro unha mesa redonda arredor da figura de Ramón Martínez López e o Seminario dos Estudos Galegos. Será a partir das 19.00 horas. Trátase dunha cita cultural de investigación e investigación organizada polo Concello de Boiro e o Museo do Pobo Galego con motivo do Centenario do Seminario de Estudos Galegos. A mesa estará moderada por Mercedes Rozas e contará coa participación de Amancio Liñares, Aurora Marco e Xesús Laíño.

Esta mesa redonda complementa outras homenaxes que se están a celebrar en Boiro arredor do galeguista local Ramón Martínez Boiro, homenaxes entre os que se incluíu o descubrimento dunha placa na casa onde naceu, en Cimadevila, coincidindo co aniversario do nacemento de Ramón Martínez López (o 4 de abril). “Ramón Martínez López foi un referente do galeguismo e un boirense que debe ser recordado e homenaxeado”, afirmou daquela o alcalde boirense, José Ramón Romero, durante o acto en recoñecemento no que tamén participou a filla de Martínez López, Maribel Martínez.

Ramón Martínez López, insigne filólogo e político galego, naceu en Boiro o 4 de abril de 1907 e faleceu en Pontevedra o 12 de setembro de 1989. Participou na creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos e en 1931 estivo entre os fundadores do Partido Galeguista. Logo da súa marcha a Arxentina co inicio da Guerra Civil, accedeu en 1940 ao departamento de Linguas Románicas da Universidade de Austin, en Texas, onde realizará o seu labor de pescuda e docencia ata a súa xubilación en 1971.

Os seus temas de investigación principais foron a literatura medieval en galego, e a el débense as edicións críticas modernas das Cantigas de Santa María, de Afonso X e da General Estoria, do mesmo autor. Traballou tamén outros eidos da poesía medieval e contemporánea española (Antonio Machado) e da literatura portuguesa (Teixeira de Pascoais, entre outros), e publicou distintos estudos e artigos sobre literatura galega, tanto en galego como en inglés.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.