Rianxo inaugura este venres a mostra “Xoias do Ceo”, que precederá a unha observación astronómica con investigadores da USC

Este venres 25 de agosto ás 21:00 h, no Centro Sociocultural – Auditorio de Rianxo, celebrarase a apertura da exposición de fotografías astronómicas Xoias do Ceo. Posteriormente, realizarase unha observación do ceo guiada por astrónomos da Universidade de Santiago de Compostela.

A mostra Xoias do Ceo consiste en fotografías astronómicas de Francisco Javier Cerdán Núñez e Salvador Ortega Saura, con textos de José Ángel Docobo Durántez, Pedro Pablo Campos Díaz e Xabier Pérez Couto (equipo de traballo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela).

A exposición poderá ser visitada no Centro Sociocultural-Auditorio ata o vindeiro 2 de outubro, nos seguintes horarios: do 25 de agosto ao 8 de setembro: de luns a venres de 09:00 a 13:45; do 11 ao 14 de setembro: de 10:00 a 13:00; e do 18 de setembro ao 2 de outubro: de luns a venres de 09:00 a 14:30 h). Con posterioridade á apertura, desenvolverase nos xardíns do Parque Galicia unha observación astronómica guiada polos astrónomos do Observatorio Ramón María Aller da USC.

Esta actividade de divulgación astronómica, tradicional dentro da programación sociocultural do verán rianxeiro, está aberta a todo o público e ten como obxectivo “a promoción da cultura científica, neste caso, a través da astronomía e a comprensión e goce o ceo nocturno”.