O Concello de Porto do Son vai seguir impulsando a recuperación ambiental na costa o con novas intervencións que potencien a relación sustentábel do medio costeiro coa veciñanza, ao tempo que se lle dá un novo pulo ao potencial turístico local. Segundo informou o alcalde Luis Oujo na axenda do Concello está a mellora da senda litoral que cruza o termo municipal, de case unha trintena de quilómetros. Porase o foco nos “puntos críticos”. Por exemplo no treito comprendido entre a praia do Pozo e Aguieira e noutros tramos da zona de Caamaño e Baroña. O vindeiro investimento, con fondos europeos, será entre a praia de Fonforrón e a pasarela da Arnela.

Neste punto farase unha pasarela por debaixo do peitoril, xa que as beirarrúas son estreitas, hai moita afluencia de xente e aquelas non achegan o punto de seguridade que se desexa. “Queremos ser capaces de achegar unha senda segura e accesíbel que permita á xente comezar a percorrer o noso concello nun extremo, en Miñortos, e rematar noutro, en Espiñeirido, e sen deixar esa ruta”, comentou o rexedor en declaracións a Canal Barbanza, engadindo que ao abeiro deste proxecto reivindicaranse tamén os camiños tradicionais.



