O Goberno galego incrementará en 66,4 millóns os fondos das axudas para rehabilitación enerxética de edificios, triplicando a anterior convocatoria

11 Agosto 2023

A Xunta de Galicia incrementou en 30 millóns de euros, ata chegar a 66,4 millóns, os fondos destinados á actual convocatoria de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios de tipo residencial. Isto, segundo confirmou o Goberno galego, implica practicamente triplicar o orzamento destinado a esta mesma liña de incentivos o ano pasado, a de 2022, que se saldou (na súa primeira convocatoria) cunha execución do 100% e unha destacada demanda. Todo apunta a que esta importante repercusión marcará tamén o desenvolvemento desta nova orde axudas, xa que dende a apertura do prazo das mesmas (o pasado 16 de xuño) o Instituto Galego da Vivenda e Solo (o IGVS da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) xa superou as 650 solicitudes.

Coa ampliación orzamentaria autorizada, a Xunta busca responder á altísima demanda que está espertando esta segunda convocatoria do programa, destinando a reforzar as axudas para rehabilitar edificios o groso do diñeiro que ten que recibir Galicia no marco do terceiro reparto de fondos europeos para programas de mellora da eficiencia enerxética no eido residencial.

En concreto, o programa a nivel de edificio está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 na execución de diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares (como a renovación de fachadas e cubertas), así como á substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non empreguen enerxía fósil para lograr reducir os consumos en, como mínimo, un 30%.

A subvención a percibir poderá chegar ata os 26.750 euros se se trata dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 euros se esta forma parte dun edificio colectivo residencial. A contía, en todo caso, dependerá do aforro enerxético acadado, do tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante, de xeito que ante determinadas situacións de vulnerabilidade poderase cubrir incluso o 100% do custo das obras.

Execución total en 2022

O ano pasado, a primeira convocatoria desta liña de subvencións saldouse coa execución do 100% dos 22,8 millóns de euros dispoñibles, fondos que contribuíron a mellorar a eficiencia de 2.334 vivendas en toda Galicia. O obxectivo do IGVS é poder chegar a financiar actuacións que incidan na eficiencia de arredor de 6.800 vivendas. Estímase que facilitarase a rehabilitación enerxética de case tres veces máis fogares galegos que no marco da primeira convocatoria.

A Xunta lembra que o programa a nivel de edificio non é o único convocado pola Xunta este ano co fin de axudar a reducir os consumos e as emisións do parque residencial galego. O 15 de xuño publicáronse outras dúas liñas de subvencións: para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas e para a elaboración do libro do edificio e redacción de proxectos de rehabilitación, ambas con prazo aberto.

En total, os propietarios de vivendas e edificios residenciais teñen á súa disposición máis de 73 millóns de euros en axudas a través de tres tipos de programas (edificio, vivenda e libro do edificio) dirixidos a financiar obras e reformas que melloren a eficiencia enerxética dos seus fogares. Un orzamento que permitirá intervir sobre un total de 15.800 vivendas galegas.

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.